O soño europeo do Celta revive esta tempada

A 50 anos vista do debut europeo do Celta, o 15 de setembro de 1971, os Aspas, Brais, Cervi e Compañía pretenden emular a fazaña de Gost, Juan ou Jiménez e devolver o Celta na tempada 2021/22, que comeza este 13 de agosto, a unha posición de privilexio na que non se atopa desde a cruel eliminación a mans do Manchester United nas semifinais da Europa League de 2017.  
 
Desde o banco e sobre o céspede, 
Eduardo Coudet e Iago Aspas comandan 
o ambicioso Celta 2021/22. (Foto: EP).
photo_camera Desde o banco e sobre o céspede, Eduardo Coudet e Iago Aspas comandan o ambicioso Celta 2021/22. (Foto: EP).

Ilusión. Esa é a verba que mellor define o estado de ánimo colectivo dunha afección e dun equipo que son conscientes de que están ante unha oportunidade única na campaña futbolística 2021/22, que arranca esta sexta feira, 13 de agosto, co Valencia-Xetafe (22 horas) e na que os celestes se estrearán o domingo en Balaídos nin máis nin menos que contra o vixente campión, o Atlético de Madrid (17.30 horas).

O escenario e o rival non poderían ser mellores para calibrar o estado dun equipo que, aínda que Eduardo Coudet se empeñe en entregarse publicamente á pedra filosofal do CholoSimeonismo -"partido a partido"-, que o seu compatriota popularizou no seu rival deste domingo, o certo é que nin el mesmo pode evitar pode evitar contaxiarse do devezo colectivo de volver a Europa ás portas do centenario do club, que se celebrará en 1923.

Para conseguilo, o arxentino iniciou unha mini revolución nun vestiario no que as saídas cobraron máis peso que as chegadas. Deste modo, con respecto á Liga pasada dixeron adeus tanto homes habituais nos seus esquemas -Aaron Martín, que regresa  ao Mainz alemán logo do fin da súa cesión; e o central Jaison Murillo, que do mesmo modo volve á Sampdoria- como unha serie de xogadores que saen da escuadra olívica en busca de minutos para medrar como futbolistas -exemplos paradigmáticos son os de Sergio Carreira e o medallista olímpico Iván Villar, cedidos ao Mirandés e ao Leganés, respectivamente- ou que din adeus definitivamente ao Celta, casos do 'Gato de Catoira' Sergio Álvarez (retirado),  David Costas (Oviedo), Jorge Sáenz (Marítimo de Madeira), David Juncá (Girona), Jozabed (Málaga), Juan Hernández (Alcorcón), Gabriel 'Toro' Fernández (Bravos de Juárez) e Facundo Ferreyra (sen equipo).

Con todo, aínda non está fechado o apartado de saídas, pois Coudet devece por desfacerse dos otomanos Okay Yokuşlu e Emre Mor. O primeiro é quen parece que será o primeiro en facer as maletas. Logo de ofrecer un digno rendemento a pasada tempada durante a súa cesión no West Bromwich Albion (WBA) da Premier League, que lamentabelmente para os intereses celestes non puido referendar nunha Eurocopa na que Turquía foi unha das grandes decepcións, o centrocampista desexa volver a terras inglesas, aínda que non a calquera prezo, pois xa renunciou a unha oferta do propio WBA, que xogará na Championship logo do seu descenso.

Desde Inglaterra fálase do interese de clubs como Crystal Palace, Norwich City, Watford e Wolverhampton, e tamén en Italia a prensa do país transalpino referenciou que Okay é do gusto de escuadras como Parma e a Roma de José Mourinho, aínda que polo de agora a cousa non pasa dunha rumoroloxía que tamén apunta a que o Celta pretende recibir seis millóns de euros polo seu transfer.  

Máis complicada parece a saída de Emre Mor. Sen dorsal asignado e adestrando á marxe do grupo, a mala imaxe que ten no seu país natal xa lle fechou as portas de Besiktas e Tranbzospor, e nin sequera Mino Raiola, o axente de futbolistas máis importante do mundo, parece ser quen de atoparlle acomodo fóra de Balaídos ao díscolo extremo.

Cervi, o desexado

No capítulo de altas, bastante máis reducido que o de baixas, brilla con luz propia a figura de Franco Cervi. Anhelado desde hai moitos meses, chega a Vigo desde o Benfica coa idea de reforzar a zona de tres cuartos, na que se manteñen Nolito, Brais Méndez, Denis Suárez e Solari.

As outras dúas fichaxes -até o de agora, pois Coudet demanda a chegada dun defensa central e dun dianteiro que acompañe Santi Mina e Iago Aspas- son Javi Galán e Matías Dituro. O primeiro desenvólvese como lateral esquerdo, e foi un dos mellores no seu posto na pasada Liga, mentres que o segundo é un veterano gardameta (34) que hai dez anos xogou no filial celeste e que, para sorpresa xeral, podería ser o escollido para ser titular por diante de Rubén Blanco.

"Loitar polo título que lle falta o Celta"

Son verbas de Iago Aspas nunhas recentes declaracións a Santi Cañizares, ex porteiro do Celta a principios dos anos 90, na súa canle de Youtube. O de Moaña explicou que no día do seu aniversario recibiu unha felicitación de Eduardo Coudet na que engadía que xuntos ían "loitar por ese título que lle falta o club".

A mensaxe do preparador bonaerense reflicte á perfección a ambición sen límite que o caracteriza, e por iso esta campaña cabe descartar por completo unha medida tan criticada pola afección de todos os equipos da zona media e baixa da táboa como defendida internamente polos seus responsábeis como é a de "tirar a Copa" para centrarse no torneo da regularidade.

O Chacho quere facer historia, e Iago Aspas sabe que aos seus 34 a retirada está cada vez máis próxima, polo que a Copa do Rei torna nunha prioridade competitiva ao mesmo nivel que a competición ligueira. Ademais, é unha segunda vía para conseguir xogar competición continental, pois o gañador recibe unha praza na Europa League.

Comentarios