Senra e Meira enfróntanse na primeira das dúas probas que decidirán o título galego

O Campionato Galego de Rally de 2025 está a piques de chegar á súa fin. Con só dúas datas por disputarse, O Carballiño acolle esta fin de semana a primeira bóla de partido que terá Víctor Senra para alzarse co que sería nada menos que o seu noveno título consecutivo. Mais Alberto Meira tratará de impedilo.
rally
O vehículo de Víctor Senra, no Rally de Ferrol. (Foto: Federación Galega de Automobilismo)

O Carballiño (comarca homónima) acolle desde esta sexta feira a cuarta edición do rally da comarca, a penúltima proba do Campionato Galego de Rally, con todo a favor de Víctor Senra para volver inscribir o seu nome no trofeo. A proba xa alcanzou o número máximo de inscricións permitidas. A festa comezará mañá no corazón da vila, cunha xornada especial de tramo-espectáculo para todos os afeccionados que queiran achegarse. Arrincarán os motores por penúltima vez este ano nun trazado do que Andrés Cachalvite, director de comunicación da Federación da Galega de Automobilismo, destaca as súas zonas recoñecíbeis para todos os afeccionados e afeccionadas da zona. A proba comezará e concluirá, tanto esta sexta feira comoo sábado, desde o Parque da Veracruz, pasando no segundo día por Piñor, San Amaro, Leiro, Amoeiro ou Maside. 

Esta proba no Carballiño supón a terceira vez nesta tempada na que se rexistra un récord de inscritos. A primeira aconteceu en Noia (comarca homónima) e a seguinte en Pontevedra, unha tendencia que fala da boa saúde do rally na Galiza e do interese vixente malia a estar practicamente rematado o curso. Desde a Federación destacan o aumento de participación como un caso que xa non é excepcional, pois continúa en crecemento desde os últimos tres anos. Salienta de maneira particular o aumento de licenzas femininas, que do ano anterior a este subiron 56%. Para Andrés Cachalvite isto demostra o seu bo facer en prol da “igualdade natural” no deporte. Por moito que a nivel de loxística e de organización supoña un esforzo maior, desde a Federación resaltan o bo retorno que senten tanto directamente como de man das e dos deportistas. 

Precisamente no deportivo todo apunta a que Víctor Senra podería fechar definitivamente a pelexa polo título, dependendo do seu resultado e do de Alberto Meira, quen agora mesmo se atopa a 15 puntos del na clasificación de pilotos. En terceira posición atópase Daniel Berdomás, con 162, fronte aos 204 de Meira e os 219 de Senra, unha distancia practicamente inalcanzábel para os puntos en xogo. 

Con este xa serían nove campionatos galegos consecutivos para Víctor Senra, un dominio abafante da competición. O de Dumbría (comarca de Fisterra) venceu por primeira vez no ano 2017 e mantívose de maneira interrompida até o día de hoxe, á espera do que aconteza nas dúas últimas probas. Para Andrés Cachalvite, Senra sairá campión “seguro” e poderá certificalo en calquera das dúas bólas de partido que lle quedan por xogar.

Desde a perspectiva da Federación de Automobilismo dáse unha dicotomía no relativo ao dominio de Senra, sería ideal que houbese máis gañadores, pero tampouco se lle deben restar méritos a quen ergue o trofeo. En palabras do seu director de comunicación, a combinación entre maquinaria e talento humano posibilitou esta situación: “Víctor seguramente sexa o mellor piloto galego dos últimos anos e un dos mellores da historia. Se xuntas o mellor piloto co mellor coche pasan estas cousas”.

Cahalvite evita pór o foco no bólido, alegando que no pasado gañaba igual competindo con vehículos de categoría rally 2 e que, por iso, as vitorias veñen dadas principalmente pola habilidade do piloto. Destaca, ademais, que poder contar co Hyundai que conduce Víctor Senra é “unha marabilla”, un coche do que só hai dous en todo o Estado español e ningún máis en mans privadas no resto do mundo.

En canto á clasificación por equipos o Pontevedra 1984 Team xa ten asegurada a primeira praza independentemente do que poida pasar. O segundo posto segue aberto, coa vantaxe de JRT Motorsport fronte a Yacar Racing por 20 puntos. 

Outras competicións

Durante a fin de semana vivirase toda unha festa do automobilismo a nivel galego, con até catro competicións simultáneas que xuntarán un total de 364 equipos. O Rally do Carballiño acumulará 152; o Slálom das Somozas (Ferrolterra), 51; o Autocross de Carballo (Bergantiños), 71, e o Kárting da Madalena, en Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes), 90. Para a Federación será todo un despregamento loxístico na que definen como a fin de semana de maior actividade en todo o ano.

Desde a entidade fan gala do bo estado de saúde do automobilismo galego e dos pasos que dan cara adiante para seguir crecendo como unha potencia do motor. O seu director de comunicación destaca un caso en particular, o do kárting, como unha “ledicia especial”. En palabras de Andrés Cachalvite, o “rescate do kárting” supuxo un orgullo por consideralo “a canteira absoluta do automobilismo”. Actualmente superan os 100 participantes por carreira cando non hai pouco mantiñan unha media de 30.  


A xoia da coroa que precisa Galiza

Ao ser preguntado polos principais obxectivos da Federación a curto e medio prazo Andrés Cachalvite ten clara a súa resposta. A súa ollada e a de toda a organización está posta nun proxecto ambicioso: dotar Galiza dun circuíto de velocidade do que carece actualmente. No pasado xa se intentou crear un recinto así. Foi baixo o mandato de Manuel Fraga, en 1990. Emprazaríase en Cerceda (comarca de Ordes) e chegáronse a gastar millóns de euros nel prometendo inauguralo en 1999, mais aquel proxecto non chegou a ver a luz. 20 anos despois, os novos dirixentes da Federación asumen que esa pode ser a pedra angular do seu mandato, e afirman ter xa varias institucións públicas interesadas pero atoparse aínda nun “estado embrionario”. 

Comentarios