FúTBOL GAéLICO

As seleccións galegas perden ante Irlanda

Non puido ser. As seleccións galegas de fútbol gaélico non conseguiron superar Irlanda nos encontros que tiveron lugar na tarde de onte en Compostela. As mulleres perderon 27-5 e os homes, 29-22.

[Imaxe: @alejandrolorenzo] Selección feminina de fútbol gaélico
photo_camera [Imaxe: @alejandrolorenzo] Selección feminina de fútbol gaélico

Os partidos amigábeis que enfrontaron Galiza con Irlanda remataron con derrotas para os combinados galegos. No caso da selección feminina, o dominio das irlandesas no terreo de xogo provocou que as galegas perderan por unha ampla marxe, 27-5. “As irlandesas xogaron moi ben e a diferenza era notábel desde o principio. Non puidemos facer nada coa súa superioridade”, sinala Alexandre Sanmartín, seleccionador galego de fútbol gaélico, en declaracións a Sermos Galiza.

Máis igualado estivo o partido das seleccións masculinas. O equipo galego non brillou na primeira parte, na que destacaron os irlandeses, mais na segunda parte, os galegos estiveron a moi bo nivel e mesmo se fixeron co parcial. O resultado final do partido foi derrota para o combinado de Alexandre Sanmartín por 29-22. “Este partido foi máis axustado e estivo máis igualado até o final”, coméntanos o seleccionador galego.

Alexandre Sanmartín: “O noso obxectivo é prepararnos para competir no Mundial que se celebra en Irlanda no verán do próximo ano”

O adestrador galego explícanos que os amigábeis xogados no día de onte teñen carácter preparatorio de cara a Dublín 2016, “o noso obxectivo é prepararnos para competir no Mundial que se celebra en Irlanda no verán do próximo ano”. Adiántanos que está organizando novos encontros preparatorios das seleccións para os próximos meses.

Comentarios