Sebas Moyano, do CD Lugo, cre que a dinámica do equipo "é positiva"

Sebas Moyano na rolda (Foto: CD Lugo).
O extremo do CD Lugo, Sebas Moyano, quere "os tres puntos" contra a UD Ibiza no vindeiro partido que terá lugar esta fin de semana. Asegurouno en rolda prensa no Ángel Carro.

Tras unha xornada de descanso, onte tocou volver ao traballo no CD Lugo. Tamén foi a quenda para saber como está o vestiario albivermello e por ese motivo compareceu en rolda de prensa un dos seus xogadores, neste caso Sebas Moyano.

O extremo cordobés valorou a súa achega ao equipo durante este inicio da tempada e destacou a dinámica ascendente que está a mostrar o equipo desde o inicio do campionato. Após "agradecer á afección a elección como mellor xogador do partido contra o Real Oviedo” manifestou que, en realidade, “o traballo é conxunto" sempre. 

Análise da tempada e encontro coa UD Ibiza 

En relación á campaña que está a facer o equipo, sinalou que "tivemos altibaixos, pero a partir do primeiro encontro, crecemos".

Por iso opina que "o balance é bo, a dinámica é positiva e creo que lle daremos continuidade". Por ese motivo, indicou que o cadro de xogadores do equipo están "contentos co noso traballo. Vese un CD Lugo que compite e estou seguro de que iso se reflectirá ao final de tempada".

Sobre a saída deste domingo para xogar coa UD Ibiza, o futbolista sinalou que "é un bo equipo, con bos xogadores e seguro que o darán todo na súa casa. Mais queremos volver cos tres puntos de alá". 

Lembrando o último partido no Ángel Carro, no que empataron sen goles diante do Real Oviedo, Moyano asegurou que daquela "saímos coas sensacións de que fixemos un bo traballo e tivemos moitas opcións de marcar".

Por último, o cordobés quixo deixarlle unha mensaxe de recoñecemento a Hernán Pérez, o adestrador do CD Lugo. "Eu sempre estarei agradecido, xogue de titular ou de suplente. Sempre quero máis, mais estou moi contento co meu papel até o momento", concluíu nas súas declaracións.