Nesta época do calendario, no que os amigábeis de pretempada multiplícanse de cara a preparar un inicio ligueiro programado a próxima sexta feira (16 de agosto) para o Celta, e o sábado día 17 para Deportivo e Rácing de Ferrol, a Copa Federación ofrece un anticipo de fútbol oficial para os seareiros e seareiras máis sedentas do furor da competición.
Instalada na súa rolda de semifinais, no torneo que inaugura oficialmente a tempada 2024/25 no fútbol galego participan conxuntos da terceira e a cuarta categoría estatal (Primeira e Segunda Federación, agás filiais, o que impediu a participación a pasada edición dun Gran Peña que regresou logo de perder a súa condición de terceiro equipo do Real Club Celta de Vigo), así como dunha Terceira Federación que está integrada exclusivamente por escuadras do país.
A outra cláusula excluínte para ser parte do cadro dun evento que se desenvolve ininterrompidamente desde hai 30 anos é non ser parte do Copa do Rei, pois ese, precisamente, é o premio ao que optan, para o cal non só deberan imporse ao resto dos seus rivais galegos, senón tamén a outros bloques na denominada 'Fase Estatal'.
Nesta ocasión, o gran favorito para volver levantar un título que xa conquistara en 1999 é o Club Deportivo Lugo, que accedeu ao último chanzo antes da final após superar pola mínima (0-1) o Viveiro no estadio de Cantarrana o 6 de agosto.
Porén, se algo caracteriza a Copa Federación son as sorpresas, como demostrou a derrota por penaltis do outro principal candidato, o Arenteiro, o pasado domingo contra o modesto Barbadás desde a lotería dos penaltis logo de que o tempo de xogo rematase con empate sen goles.
Así, os pupilos de Lolo Escobar non deben baixar a garda fronte a veciña Sociedade Deportiva Sarriana, quen accedeu ás semifinais grazas a un triunfo tamén por 1-0 sobre o Silva da Coruña.
Previsto ás 20 horas desta terza feira sobre o céspede artificial da Ribela (Sarria), o técnico albivermello continuará tratando de dar encaixe ás novas fichaxes no seu debuxo.
Barbadás e Coruxo aspiran a facerse co outro posto na finalísima
A segunda semifinal da Copa Federación estará protagonizada pola Unión Deportiva Barbadás e o Coruxo Fútbol Club, que colidirán na seguinte quinta feira, 15 de agosto, no estadio dos Carrís (Barbadás, Ourense) a partir das 20 horas.
Do mesmo modo que no Sarriana-Lugo, a eliminatoria semella claramente decantada a prol do visitante, por militar nunha categoría superior, mais o conxunto local evidenciou cando eliminou o Arenteiro nos cuartos de final que é capaz de sorprender. Neste sentido, o técnico azulón, Juanjo Vilachá, que non ocultou a súa "satisfacción" por ser quen de situarse tan preto da final, deixou claro que a súa meta será "medrar" a partir do positivo resultado sobre a gran revelación da pasada campaña na Primeira Federación, poñendo en valor, ademais, o "mérito" dos seus homes.