Marcos Sumavielle, árbitro: "A federación galega de fútbol é un corpo totalmente españolista"

Árbitro federado, participou no encontro internacional anual da selección galega de fútbol que Siareir@s Galeg@s (SSGG) organizou en 2010 en Ourense. Daquela tivo verdadeiros problemas coa federación por ese motivo e denuncia, ademais, o españolismo que hai nesta institución
photo_camera [Imaxes: Riobó Prada]


Como entras en contacto co mundo da arbitraxe?

A través do meu irmán pequeno, foi un pouco por pasar o tempo na fin de semana.

Que tal a experiencia de ser xuíz entre equipas rivais?

Nun primeiro momento non me gustou moito polos momentos difíciles, cando ven o árbitro como o máximo rival, mesmo máis que os equipos contrarios. Aguantar insultos, a presión da xente, dos xogadores, 22 xogadores que teñen sempre como punto de conflito o árbitro... Non me gustou ao principio. Logo, co paso do tempo leveino bastante ben, colléndoo como un hobby e pasándoo ben.

Que partidos de certa categoría arbitraches na túa carreira como árbitro?

Como árbitro federado até segunda rexional, mais como xuíz de liña fun mesmo a preferente. A Foz, por exemplo, ou na Copa deputación en Ourense.

Que significou para ti arbitrar a selección galega?

Para min, xa que non puiden chegar ao fútbol, arbitrar a selección do meu país foi o máximo. Como árbitro é o máximo ao que podes aspirar. Tentei ser o máis imparcial posíbel, cousa que pola miña ideoloxía é algo difícil. (Risos)

Que lembras daquela noite?

Lembro que houbo moitas présas, posto que tiña moitas ganas de participar na manifestación de Siareir@s Galeg@s e nos actos de festa anteriores e posteriores, e non puiden participar como quería. Foi unha satisfacción moi grande para min e para o meu irmán que estivo como xuíz de liña.

Tiveches problemas por arbitrar ese partido?

Primeiro a xente de SSGG póñense en contacto comigo e pregúntanme se hai algún inconveniente para que vaia eu. Na delegación da federación en Ourense do comité de árbitros dinme que se vou sen cobrar e pola miña conta podo, mais que como a federación non sabía nada non podía ser como federado. Comunícollo ao presidente, daquela, da delegación de Ourense de árbitros. Pola súa banda non houbo ningún problema mais que tiña que falar coa federación na Coruña.

Eu busquei os xuíces de liña, fixen todo e arbitrei. O problema foi despois, cando chaman desde A Coruña para saber por que un árbitro federado participa nese partido e quen o arbitrou. Cadraba un partido amistoso entre árbitros galegos e doutras federacións e preguntaron porque non estaba co resto de árbitros. Penso que tentaron facer un boicot ao partido da selección. O delegado de Ourense defendeume e non deu o meu nome. Polo de agora sigo arbitrando.

Pensas que hai unha persecución contra a selección galega de fútbol?

A nivel federación penso que hai un erro por parte de SSGG de non comunicar á federación o convite para que participen nese partido con árbitros federados e, por outro lado, a propia federación despreocúpase deste partido sabendo que se celebra cada ano. É un erro polas dúas partes. Sei como é perfectamente a federación e a persecución...

Non hai máis que ver que a federación é un corpo totalmente españolista. Cousas como normativizar a selección galega e cando arbitramos no país nos recibos que entrego aos equipos empregan a toponimia deturpada. Din que é un erro administrativo da federación española, cousa que non é así, posto que son documentos da federación galega, en segunda autonómica, só ten competencias a federación galega. É unha gran falta de respecto. Meu irmán estivo até hai pouco arbitrando en Mallorca e esas cousas non pasan.

Participarías outra vez arbitrando a selección?

Por suposto. Eu e outr@s compañeir@s sempre estaremos dispostos aínda que nos xogariamos ser expedientados ou pasar unha temporada sen arbitrar.

Comentarios