afeccionados da sd compostela

“Rexeitemos ese patrocinio que mancha a camisola”: seareiros do Compos critican o acordo con Cobre San Rafael

Piden ao club que rache o acordo acadado coa empresa responsábel do proxecto mineiro para Touro-O Pino, criticado por unha parte significativa da veciñanza da comarca.  

COMPOSTELA SEAREIROS SAN LÁZARO
photo_camera Seareiros do Compos nunha imaxe de arquivo

O acordo de patrocinio e colaboración asinado hai uns días entre a SD Compostela e Cobre San Rafael (impulsora do proxecto mineiro para Touro-O Pino) non gosta a parte da afección da equipa da capital de Galiza, que lamenta o paso dado polo club.

Entre estes seareiros compostelanistas están peñas como Fendetestas, que a través dun comunicado expresan o seu malestar co feito de que a equipa leve o patrocinio dunha empresa responsábel dunha iniciativa que xera un amplo rexeitamento na comarca de Santiago.

Entenden que o club teña que acadar acordos para cubrir as necesidades económicas mais sosteñen que esas necesidades “non poden estar por riba do club”. Fendetestas consideran que a intención de Cobre San Rafael con este acordo é “lavar a cara” perante a sociedade da comarca, refractaria ao seu proxecto mineiro.

“Para nós, sentirnos orgullosos do noso club é fundamental”, salientan estes afeccionados, aos que lles provoca “vergoña”, din, o acordo acadado entre o Compos e Cobre san Rafael e que piden á SD Compostela que poña fin ao mesmo: “Rexeitemos ese patrocinio que mancha a camisola”.

Comentarios