O Real Club Celta asegura a continuidade de Sergio Carreira por catro tempadas máis

A entidade celeste anunciou esta segunda feira de maneira oficial que o lateral dereito, formado na Madroa, seguía no club.
Sergio Carreira asinando, o 23 de xuño. (Foto: RC Celta)
Sergio Carreira asinando, o 23 de xuño. (Foto: RC Celta)

O Real Club Celta e Sergio Carreira chegaron a un acordo para prolongar o seu contrato por catro tempadas máis. A entidade celeste anunciouno esta segunda feira de maneira oficial sinalando que o lateral dereito, formado na Madroa, "continuará defendendo a camiseta celeste tras selar o seu compromiso co club que o viu crecer".

Carreira chegou ás categorías inferiores do Celta en idade infantil e desde entón converteuse, para o club, "nun exemplo de traballo, perseveranza e esforzo, uns valores que representan á perfección a canteira celeste".

O 17 de outubro de 2020, o defensa cumpriu o seu soño de debutar co primeiro equipo na liga e facíao como titular ante o Atlético de Madrid en Balaídos. En total xogou estes anos máis de 1.800 minutos nos que deixou 4 asistencias que demostran a súa gran capacidade para incorporarse ao ataque e xerar perigo desde a banda dereita.

Aos seus 24 anos, Sergio completou unha tempada de crecemento que confirma o seu excelente momento de forma á que agora pon o ramo selando a súa continuidade no equipo até 2029. Para o Celta, a súa renovación "non só reforza o cadro de xogadores, senón que representa a esencia dun proxecto que pon o foco no talento que reside na canteira e demostra que isto tamén vai de corazón".

Ferran Jutglà

Outra das posíbeis novidades é a incorporación de Ferran Jutglà. O xogador catalán, de 26 anos, remata contrato en 2026 no Bruxas logo de tres anos en Béxica.

Desde a TVG apuntan o desexo do Celta por este dianteiro polo que o club que preside Marián Mouriño pagaría unha cantidade próxima aos seis millóns de euros polo seu traspaso. Esta tempada, marcou un total de 38 goles en 27 partidos de liga e 2 nos 12 que xogou na Champions League.

Comentarios