O Rally Rías Altas Clásico regresa o sábado a Guitiriz

A proba alcanza a súa décimo novena edición.
Marisol Morandeira e Eduardo Iglesias, onte na presentación. (Foto: Concello de Guitiriz).
photo_camera Marisol Morandeira e Eduardo Iglesias, onte na presentación. (Foto: Concello de Guitiriz).

O Concello de Guitiriz acolle rá o próximo sábado, día 11 de novembro, a XIX edición do Rally Rías Altas Clásico de regularidade, un evento que organiza o consistorio conxuntamente xunto co Moto Club Coruña-Escudería Centolo da cidade herculina.

A cita foi presentada esta cuarta feira na Casa Habanera pola alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e un dos responsábeis da Escudería Centolo, Eduardo Iglesias, explicando ambas que a carreira consistirá "nun percorrido para vehículos históricos cunha velocidade media inferior a 50 quilómetros por hora, cunha quilometraxe aproximada de 136 quilómetros". 

Por outra parte, engadiron que o Rally Rías Altas Clásicos se desenvolverá "por estradas abertas ao tráfico nas que os e as participantes terán que respectar en todo momento as normas de circulación". "Os vehículos participantes sairán cun intervalo dun minuto entre eles, tratando de evitar no posíbel a formación de caravanas durante o percorrido", apostilaron Morandeira e Iglesias.

A sesión dará comezo ás 14 horas da tarde do antedito 11 de novembro coas verificacións técnicas, que se levarán a cabo no bar O Korre. Logo do breafing está prevista a saída do primeiro participante ás 15.30 horas, mentres que a entrega de premios, que será no balneario de Guitiriz, programouse para as 21.30 horas da noite. 

Unha alternativa "ás probas de velocidade"

Marisol Morandeira animou á xente "a que goce deste evento, porque ten uns atractivos diferentes aos dun rally de velocidade, como poden ser os propios vehículos históricos". "Sempre estou encantada de que se fagan probas deportivas no concello de Guitiriz, e neste caso estouno dobremente, pois tiña unha espiña cravada por non poder acollelo no ano 2020", explicou, en referencia á cancelación a causa da irrupción da pandemia da Covid-19.

Eduardo Iglesias, pola súa parte, recordou ese feito, resaltando que en 2020 "pretendían" levar a cabo o Rally rías Altas, mais neste 2023 cumprirán "o prometido". A maiores, o da Escudería Centolo gabou a afección galega aos deportes do motor, indicando que "é moi ampla, como demostra o feito dos numerosos clubs que hai ou que a esta proba veñan 29 coches de todas as provincias".

Comentarios