Radu, o gardián da portaría celeste mellor defendida en Primeira en dúas décadas
O romanés Andrei Radu chegou a Vigo o pasado verán e xa é un dos xogadores estrela do equipo. A súa fichaxe despertou certas dúbidas, xa que chegaba procedente do Venezia, equipo que perdeu a categoría con Radu baixo paus na segunda volta; dúbidas que se acentuaron no primeiro partido amigábel que xogou e no cal cometeu un erro grave cos pés. Porén, o porteiro logrou cambiar as tornas e ser agora un dos ídolos da afección celeste.
En Vigo a portaría leva sendo un tema controvertido desde hai anos, xa que ningún porteiro parecía convencer e ser suficientemente solvente baixo paus. Problema que se reflexa nas estadísticas do conxunto vigués: nos últimos 13 anos os rexistros superan con folgura a vintena de goles en contra ao termo da primeira volta, causa principal das dificultades celestes para obter unha boa posición na táboa. Aínda que nalgúns anos anteriores ao 2012 si que logrou encaixar menos, é importante aclarar que foron anos que o conxunto celeste xogou na Liga Adelante, actual Liga Hypermotion, é dicir, a segunda categoría do fútbol estatal.
Botando a vista máis atrás, antes do descenso de 2007, nos últimos vinte anos o único gardameta do Celta en conseguir encaixar menos de vinte goles nos primeiros 19 encontros en primeira división foi José Manuel Pinto –17 goles en 17 partidos, se ben o Celta rematou a primeira volta con 22 goles en contra–, un dos tres porteiros da historia do Celta que lograron gañar o Zamora, xunto a Pablo Cavallero (2003) e Santiago Cañizares (1993).
É cedo aínda para especular sobre o posíbel gañador do Zamora deste ano, pero Radu está conseguindo achegarse a cifras de gañadores anteriores. Cando Pinto o obtivo en 2006 o club rematou a tempada en sexta posición, o que agora aseguraría unha praza na Europa League. O anterior foi Pablo Cavallero, na 2002-03, tempada na que o conxunto celeste obtivo o billete á Champions League. Nesta altura o arxentino só encaixara 18 goles. Os bos datos na portaría do Celta no pasado, sempre foron da man de boas posicións na liga.
Ademais do seu labor baixo paus, Radu logrou outro fito memorábel, pois no que levamos de competición o conxunto de Claudio Giráldez cometeu sete penaltis dos que só encaixou dous, fronte ao Barcelona e mais Osasuna –se ben é certo que tres dos penaltis non convertidos polos equipos rivais no que vai de curso deron no pau ou no longueiro–. Son datos que se suman a grandes partidos do gardameta, que está conseguindo facer unha das mellores tempadas da súa carreira. Partidos coma o do Athletic ou o Elx, a pesar da derrota, colocan o porteiro romanés na mesa das grandes figuras do conxunto olívico. Nos últimos catro encontros fora da casa o equipo de Claudio Giráldez logrou deixar a portaría a cero, e nos últimos sete encontros de liga unicamente encaixou dous goles.
Toda unha vida no Inter
Radu empezou a formarse no fútbol nas categorías inferiores dos mellores equipos do seu país, como o Dinamo ou o Steaua de Bucarest. Pero en seguida emigrou a Italia, xa que chamou a atención do Inter de Milán. Chegou a Italia para xogar nas categorías inferiores do club milanés, un dos históricos de Europa,, e poucos anos despois, en 2015, debutou co primeiro equipo.
A súa proxección non terminou de convencer na cidade da moda e tan só dous anos despois marchou cedido o Avellino. Así continuou a sua carreira, encadeando cesións pero sen asentarse en ningún club. Finalmente, na 2024-25 o Inter traspasouno ao Venezia e, tras non lograr a permanencia, o Celta interesouse nel como substituto de Vicente Guaita. Unha tardía explosión aos 28 anos parece que lle dá a estabilidade que necesitaba, asentándose este ano tamén como o gardameta titular da selección romanesa e pondo o Trofeo Zamora patas arriba e o Celta en plena loita por Europa.