O Rácing de Ferrol deixa en incógnita a continuidade de Cristóbal Parralo

Carlos Mouriz, ante a situación do equipo, asegura que investirán en xogadores cando chegue o mercado de inverno. 
Carlos Mouriz nunha rolda de prensa. (Foto: Rácing de Ferrol)
Carlos Mouriz nunha rolda de prensa. (Foto: Rácing de Ferrol)

A delicada situación que vive o Rácing de Ferrol, coa goleada da última xornada na Malata, obriga ao club a dar pasos que convenzan á afección. Parte dos movementos que se agochan dentro da entidade tentou explicalos esta cuarta feira, a través dunha entrevista na Radio galega, o director xeral e deportivo dos diaños verdes, Carlos Mouriz. 

Sobre a primeira incógnita evidente, a continuidade de Parralo, Mouriz evitou dar unha resposta directa e deixou caer un enigmático  “nunca ratifiquei a un adestrador, pero tampouco dixen que á seguinte semana ía manter no cargo”. Na súa defensa sinalou que “oxalá a culpa fose exclusivamente de Cristóbal, tamén é miña, do corpo técnico e dos xogadores”. 

A Mouriz preocúpalle o futuro próximo que pode empeorar a situación do equipo. “Agora véñennos tres rivais de primeiro nivel como Sporting, Almería e Zaragoza, pero xa sabiamos antes de empezar LaLiga o que había” admitiu, “o que non pode ser é o que ocorreu co Oviedo, que baixemos os brazos e caer desa maneira”, agregou. 

Desde as bancadas piden novas incorporacións. Neste tema, o responsábel do club lembrou que agora mesmo hai “25 licenzas ocupadas” e, aínda que “desde aquí até xaneiro pode haber algún xogador que queira marcharse porque non está contento ou que o club vaia a cambiar algo no persoal temos o orzamento que temos”.

Porén, apuntou que “imos investir no mercado” mais sen contar con “barra libre para gastar”. 

De temas económicos tamén falou cando lembrou que no estadio municipal “a luz tiña que estar para agosto e aínda estamos sen ela, pagando unha multa en todos os partidos en casa de 6.000 euros". 

Comentarios