O Racing Club Ferrol celebra os 105 anos de historia coa súa primeira vitoria da tempada

Jauregi, que marcou 4 dos 5 goles do equipo ferrolán este curso e se reivindica como unha das figuras claves para intentar lograr saír do descenso, fixo o tanto da vitoria.
A grada da Malata no 105 aniversario do Racing Club Ferrol. (Foto: Racing Club Ferrol)
A grada da Malata no 105 aniversario do Racing Club Ferrol. (Foto: Racing Club Ferrol)

O Racing Club Ferrol conseguiu este sábado a súa primeira vitoria nun partido que saldou cunha vitoria pola mínima do conxunto galego ante o Elxe. Desta maneira, a escuadra galega puido celebrar os seus 105 anos de historia ante os seus seareiros e seareiras na Malata.

Jauregi, que marcou 4 dos 5 goles do equipo ferrolán este curso e se reivindica como unha das figuras claves para intentar lograr saír do descenso, fixo o tanto da vitoria batendo a Dituro nun man a man que se converteu no único tanto dunha xornada festiva.

Coa defensa do Elxe totalmente adiantada o dianteiro ferrolán fixo un gran desmarque desde a liña de medio campo e, tras recibir un pase desde a liña defensiva, foi quen de chegar a área do Elxe co balón, desde onde bateu o gardaredes cun disparo cruzado ao segundo pao.

Tras o gol anotado por Jauregui no minuto 27 da primeira metade, o Elxe puido empatar na segunda parte, mais o tanto de cabeza de Barzic, nunha segunda xogada tras un saque de esquina, foi anulado polo árbitro por un fóra de xogo previo.

Alén do gol anulado, o Elxe realizou varios disparos sobre a portaría ferrolá, mais ningún deles foi de especial perigo para o conxunto de Cristóbal Parralo. Si chegou un pequeno susto á parroquia da Malata no desconto do partido, mais Kaba non foi quen de conectar un disparo cando o gardameta do equipo galego, Jesús Ruiz, xa estaba superado.

Aniversario

Os seareiros e as seareiras do Racing Club Ferrol foron as grandes protagonistas deste aniversario, pois nestes 105 anos de vida, a afección converteuse no activo principal desta entidade, segundo salientaba o club antes do partido.

 

"Desde o club queremos honralos a todos eles representados na figura de Daniel López e Rodrigo Suárez", salientaba o equipo. Ambos comparten aniversario co propio club, sendo o primeiro deles o maior dos nosos abonados nacido un 5 de outubro e o segundo o de menor idade, e estiveron sobre o céspede para facer o saque de honra nesta data tan sinalada.

Comentarios