As promesas do piragüismo do país brillan no Estatal Cadete

Catro equipos da Galiza acaban entre os dez mellores
Alba Rodríguez (Club Piragüismo Poio Pescamar) obtivo a medalla de prata no Cadete A C1. (Foto: Fegapi).
photo_camera Alba Rodríguez (Club Piragüismo Poio Pescamar) obtivo a medalla de prata no Cadete A C1. (Foto: Fegapi).

A liga Nacional de Novas Promesas de Augas Tranquilas desenvolveu a súa segunda xornada de competición na presente tempada no marco do encoro avilesino de Trasona, que acolleu a disputa da Copa de España de 1.000 metros na categoría Cadete.

Unha vez máis, o piragüismo galego estivo a un gran nivel, pois a clasificación xeral por equipos rematou con catro formacións do país entre as dez mellores. Así, Náutico Pontecesures alcanzou a quinta posición; Club Piragüismo Poio Pescamar, a sétima; Náutico Firrete, a oitava e Piragüismo Verducido, a novena. E individualmente os padexeiros e padexeiras da Galiza volveron dar mostra do seu talento, sumando un total de 18 medallas, das que 11 foron de ouro, tres de prata e catro de bronce.

As primeiras en caer foron a prata e o bronce de Iago García (Kaiak de Foz) e Martín López (Cabanas KDM) no K1 Cadete A, á que axiña se engadiría o ouro de Víctor Devesa, do Cidade de Lugo, no K1 Cadete B.

Na modalidade de Canoa, o vilagarcián do Piragüismo As Torres Pedro Torrado gañaba o ouro en Cadete C1 A, mentres que no Cadete B C1 Nicolás Braña, do Piragüismo Poio, lograba a vitoria por diante de Martín Expósito, da EP Cidade de Pontevedra.

Pola súa banda, as finais femininas terminaron coas medallas de prata de Lucía Tenreiro (Piragüismo Illa de Arousa) en K1 Cadete B; Alba Rodríguez (Piragüismo Poio) en Cadete A C1; e Natalia Varela, do Náutico Pontecesures, en Cadete B C1.

No que respecta ás embarcacións dobres, a parella formada por Alba Rodríguez e Iria Tilve, que militan no Club Piragüismo Poio, gañaron a final de C2 Muller. En homes, Nicolás Braña e Germán Quintas, tamén do Piragüismo Poio, levaron o ouro, mentres que Martín Expósito e Jorge Romero (EP Cidade de Pontevedra) foron bronce na final de C2. A masculina de K2 tamén trouxo consigo éxitos con selo galego, pois Antón Cao e Iker Veiga (Náutico Firrete) sumaron un moi traballado bronce.

Dous dos 11 ouros chagaron nas finais mixtas, pois Antón Dourado e Lucía Tenreiro, do Piragüismo Illa de Arousa, proclamáronse campioas de España na modalidade K2, mentres que Roque Araújo e Natalia Varela (Náutico Pontecesures) fixeron o propio en C2. 

Finalmente, as finais de K4 puxeron o feche a esta Copa, rematando en primeira posición a piragua do Kaiak Tudense na final feminina e na mesma posición a de Piragüismo Verducido na masculina. Ademais, o cuarteto do EP Cidade de Pontevedra foi terceiro en C4, un broche de ouro a unha Liga de Novas Promesas que baixa o pano até o vindeiro 26 de xuño, cando o encoro de Portomarín acolle unha regata centrada na categoría Infantil sobre unha distancia de 3.000 metros. 

Olívico, Cambados e Vigo volven co ouro de Rianxo

O foco da atención do piragüismo galego non só estivo en Trasona, pois nas inmediacións da lonxa rianxeira tivo lugar o VIII Trofeo Concello de Rianxo, que forma parte da Liga Galega de Kaiak de Mar e no que participaron máis de 250 deportistas.

A clasificación xeral por equipos mixta terminou co Piragüismo Olívico en primeira posición con 526 puntos, sendo o triunfador na categoría masculina Piragüismo Cambados (116 puntos) e Kayak Vigo na feminina, que rematou por diante do Olívico e de Piragüismo Illa de Arousa.

Comentarios