Balonmán

A PREVIA | O Guardés recibe o BM O Porriño no mellor derbi galego da historia

Coas guardesas liderando a táboa e as porriñesas chegando ao encontro na cuarta posición e debutando este curso en Europa, o partido desta tarde na Sangriña será histórico. 'Nós Diario' analiza as chaves deste emocionante derbi galego da man dos dous equipos. O 'inferno' da Sangriña acolle este sábado a cita máis agardada do ano nun momento doce para os dous equipos, primeiro e cuarto en Liga.
Aina Ramos (At. Guardés), ante o Málaga. (Foto: CB Málaga Costa del Sol)
Aina Ramos (At. Guardés), ante o Málaga. (Foto: CB Málaga Costa del Sol)

Os dous equipos galegos que compiten na máxima categoría do balonmán feminino estatal enfróntanse este sábado (19 horas) nun pavillón da Sangriña (A Guarda) que sen dúbida será unha caldeira. Será, con toda certeza, o mellor derbi da historia até o momento pola situación na que chegan ambos os conxuntos.

A serie histórica de enfrontamentos é favorábel ao equipo local

O Mecalia Atlético Guardés, anfitrión, agarda as porriñesas desde a primeira posición da táboa, liderando a Liga Guerreiras (18 puntos) logo de vencer na última xornada a todo un Málaga no seu campo. As xogadoras dirixidas por Ana Seabra só encaixaron unha derrota até o momento e con este novo triunfo avantaxan o Bera Bera, segundo, en tres puntos.

Ana Seabra. (Foto: Nós Diario)
Ana Seabra. (Foto: Nós Diario)

Ana Seabra, adestradora do At. Guardés: "Agardo un partido moi igualado, serán os pequenos detalles os que acaben decantando a balanza"

Mais tamén o Conservas Orbe Zendal BM O Porriño atravesa un momento doce e chega á Guarda cuarto (13 puntos), en postos de play-off e vindo tamén de gañar o seu último choque, ante o Elda –alén de estrearse este ano en Europa–. “Vai ser moi emocionante, é un partido moi bonito para rematar o ano. As claves do encontro pasarán por cometer menos erros que elas e, sobre todo, seguir coa fortaleza defensiva coa que estamos a xogar até o momento. A nosa defensa está sendo unha das claves da tempada”, destaca Aina Ramos, do Guardés, a Nós Diario.

Tamén a súa adestradora, Ana Seabra, agarda “un partido moi competitivo, con dous equipos que queren puntuar e que veñen demostrando que merecen estar nas posicións altas da táboa", tal e como reflicte o momento actual, sinala a este xornal. “Queremos seguir con boas sensacións e levar os dous puntos, mais sabemos que precisaremos estar a un excelente nivel para conseguilo. Debemos estar moi atentas non só á nosa defensa, tamén a poder contar con recursos ofensivos para podernos levar o partido”, afirma, ao tempo que agarda que o de este sábado sexa "unha gran festa do balonmán e máis nestas datas, que permiten á xente desfrutar deste derbi galego que, de seguro, será igualado e no que serán os detalles os que decanten a balanza”.

Estela Carrera volve á convocatoria despois dunha infección que a apartou nas últimas dúas xornadas, mais con precaución. Ademais, súmase a nova baixa de África Sempere, tamén por enfermidade común.

Ismael Martínez. (Foto: Nós Diario)
Ismael Martínez. (Foto: Nós Diario)

Ismael Martínez, adestrador do BM O Porriño: "Este partido defínese por si só. Por clasificación, seguramente sexa o mellor derbi da historia"

As porriñesas visitarán A Sangriña sabendo que “probabelmente elas [o Guardés] sexan as favoritas", dado que "son as líderes”, admite o seu técnico, Ismael Martínez. “Este partido defínese por si só. Por clasificación, seguramente sexa o mellor derbi da historia. Xa na pasada campaña probabelmente vivimos os mellores derbis até o momento, no play-off e xogándonos a praza europea e o título de Liga, mais na competición ligueira regular nunca chegaramos nestas circunstancias ambos os equipos”, afirma.

Un partido único

“Como todos os derbis, vai a ser un partido diferente, moi emocional, que vai requirir moito carácter. Eu creo que se definirá por pequenos detalles”, indica, coincidindo coa análise da súa homóloga no banco guardés. “Sempre falamos dos 7 metros e das desigualdades, que poden decantar un partido. O certo é que nós chegamos nunha incógnita porque vimos dun paro moi longo [polo Europeo de seleccións, que gañou Noruega] e, aínda que durante ese tempo traballamos moi ben, contamos con moi poucas xogadoras. Ás internacionais, cando remataron as súas competicións, alongámoslles un pouco as vacacións, pensando no que nos agarda o calendario de xaneiro, que vai ser un mes tolo. Iso fai que o noso estado de forma sexa, mesmo para nós, bastante dubidoso”, concreta.

Martínez cre que as rivais afrontan o derbi con sensacións distintas xa que “chegan líderes, despois dunha vitoria sen paliativos en Málaga e sendo moi superiores na cancha dun equipo que está chamado a gañalo todo", algo que "seguramente as coloca como favoritas”, declara. Mais, como el mesmo di, “un derbi é un partido especial no que non importa a serie da que veñas, o que importa é que equipo ten o carácter suficiente para afrontar unha cita como esta”, sentencia, salientando que o BM O Porriño ten “un modelo de xogo que se axusta ben ao que o partido vai requirir”.

As porriñesas chegan coa dúbida nas súas filas de Aitana Santomé, que xa non participou no último partido ante o Elda. Durante o paro sufriu unha escordadura de nocello nun partido amigábel de preparación. Apenas puido adestrar polo de agora e será dúbida até última hora. Desde o cadro porriñés queren contar con ela na pista e confían en poder facelo, mais aseguran que non arriscarán se non é claro que poida xogar, se ben, en calquera caso, apenas puido preparar este encontro.

Adestradores e xogadoras de ambos os equipos agardan un partido especial, bonito de ver e de xogar e no que se espera unha grande afluencia de público pola proximidade entre ambas as localidades e tamén pola data no que se xoga: un sábado de Nadal no que un plan perfecto é ir a desfrutar do balonmán de primeiro nivel, e ademais do país, á Sangriña. Con capacidade para 700 persoas, de seguro o cheo será total e o ambiente dunha gran festa do balonmán coma esta, inmellorábel.

O Guardés, favorito por líder e polas estatísticas

Moitos adestradores e adestradoras de calquera disciplina valoran as estatísticas, mais tratándoas como o que son: números de encontros pasados. Os propios partidos, porén, son momentos do presente nos que, ademais do puramente deportivo, inflúen moitas circunstancias máis. Desde logo, nun derbi o compoñente emocional cobra unha importancia singular.

O Guardés é líder con 18 puntos após vencer con claridade na casa do Málaga

A este encontro o Guardés chega como favorito. Ademais de xogar na casa, ante a súa xente, e de ser o líder da Liga, é tamén o gañador da serie histórica dos últimos dez derbis disputados entre ambos os conxuntos. Neses últimos dez partidos impúxose en até cinco ocasións. Dos cinco encontros restantes, dous foron vitorias para as porriñesas e tres acabaron en táboas. Ese mesmo resultado foi o que se deu no último derbi, con empate a 29 na casa do Porriño. A pasada campaña, nos derbis que se xogaron na Sangriña, unha vitoria para cada equipo: en marzo era o Guardés o que levaba a vitoria (29-23) e, tan só un mes despois, o Porriño impúxose a domicilio pola mínima (29-30). 

Digan o que digan os números, o partido máis agardado do ano está por decidirse e, sobre todo, por desfrutarse.

Comentarios