Previa da Segunda e a Primeira RFEF: O Celta B busca fechar a Liga en postos de 'play-off'

Os rapaces do filial celeste desexan concluír a tempada cun sorriso de cara á disputa dun 'play-off' do que Vigo é unha das sedes. (Foto: RC Celta).
Unha semana máis tarde de que o Celta baixara o pano da Primeira División chega a quenda do Club Deportivo Lugo, que conclúe a Liga ante o Málaga. No referente á terceira categoría, Deportivo e Rácing de Ferrol xa pensan nunha fase de ascenso que teñen garantida, caso contrario dun Celta B que debe defender o seu posto co Logroñés.

Como pasou dicindo durante meses certo animador deportivo barcelonés do Real Madrid que presenta un popular programa deportivo nocturno para representar a conta atrás da fichaxe de Kylian Mbappé polo conxunto branco: "Tic-tac, tic-tac".

Os e as fans do fútbol galego prepáranse para o inelutábel final da tempada 2021/22, coa pesadume engadida de que, ao contrario do que debía acontecer, este verán non haberá Mundial para atenuar ese vicio de goles, paradas e caneos, pois os petrodólares qataries conseguiron que se dispute en inverno para fuxir das temperaturas de até 50 graos do emirato.

Unha semana máis tarde de que o Celta de Vigo baixara o pano da Primeira División, este sábado é a quenda do Club Deportivo Lugo na categoría de prata. Nun choque ante o Málaga programado para as 18.15 horas no Ángel Carro, o partido adquire un matiz crepuscular, pois avecíñase un cambio de era no equipo albivermello.

Deste modo, o público poderá despedirse de Rubén Albés, que xa fixo público que este será o seu derradeiro encontro á fronte do Lugo, así como dos tres capitáns, Pita, Seoane e Iriome. Mais non serán os únicos, pois varios xogadores de peso como Xavi Torres, Manu Barreiro, Carrillo ou Campabadal rematan contrato, e outros como David Mayoral, Diego Alende, Ricard Sánchez e Joselu chegaron á cidade da Muralla en calidade de cedidos e regresarán aos seus clubs de orixe o 30 de xuño.

Un dos posíbeis protagonistas desa revolución cotiá do Club Deportivo Lugo -raro é o ano no que a súa cifra de altas e baixas non supera as 15 operacións-, Eduard Campabadal, recoñeceu en rolda de prensa que "aínda que a tempada foi moi boa", no final tanto el como os seus compañeiros padeceron "un certo desgaste logo de tres anos duros".

Tras sinalar que o vestiario desexa facer un bo partido final "tanto pola afección como para despedir á xente que se va", non quixo incluírse na lista de despedidas, e afirmou que, "como sempre, cando remate a tempada será o momento de sentarse a falar do tema da continuidade", aínda que apostilou que xa houbo "acercamentos".

O Celta B xoga cun ollo posto en Riazor

Na terceira categoría do fútbol estatal, a Primeira RFEF, tamén remata o campionato, mais logo os catro clasificados para o play-off competirán polo ascenso cos seus homólogos do Grupo II.

Deportivo da Coruña e Rácing de Ferrol xa teñen cadansúa praza garantida como segundo e terceiro, respectivamente, polo que afrontan esta derradeira xornada cunha tranquilidade inversamente proporcional á dun Celta B que podería completar o pleno galego no play-off.

Para iso debe competir con outros catro equipos para os únicos dous postos que quedan por determinar. Agora mesmo, o filial celeste é cuarto con 60 puntos, un máis que Raio Maxadahonda e Unión Deportiva Logroñés, dous máis que Unionistas (58) e tres máis que o Real Unión de Irún (57). 

Con este escenario, mesmo un empate ou unha derrota poderían servirlle para pelexar por un ascenso que garantiría matematicamente se vence a unha Sociedade Deportiva Logroñés que non se xoga nada este sábado ás 18.30 horas. 

Ademais, está na man do Deportivo da Coruña facerlle un pequeno favor aos celestes, pois á mesma hora recibe en Riazor un dos seus rivais directos polo play-off, Unionistas de Salamanca, que quedaría automaticamente por detrás do Celta B no caso de caer derrotado ou asinar táboas contra a escuadra herculina.

Por último, os Diaños Verdes do Rácing de Ferrol colisionan co Dux (sábado, 18.30) co corpo e a mente posta na primeira rolda do play-off, prevista o 4 de xuño.