Previa Celta-Vilarreal | Os olívicos queren a segunda vitoria seguida

A estatística móstrase favorábel aos olívicos fronte o Vilarreal.
O nome do acompañante de Iago Aspas no ataque, Paciência ou Larsen (na imaxe), é a principal incógnita do once de Carvalhal. (Foto: LFP).
photo_camera O nome do acompañante de Iago Aspas no ataque, Paciência ou Larsen (na imaxe), é a principal incógnita do once de Carvalhal. (Foto: LFP).

Canto importan as estatísticas no fútbol? Haberá quen diga que entre pouco e res, non por nada, como sinala ese vello tópico deportivo, "están para rompelos". Porén, a historia sempre ensina leccións, e a do Celta ante o Vilarreal en Balaídos é das que adoitan ter final feliz.

O conxunto celeste recibe hoxe ás 21 horas na casa o Submarino Amarelo, que lonxe de acusar a inesperada marcha do seu técnico, Unay Emery, ao Aston Villa inglés, acumula seis vitorias consecutivas -a última ante o Real Madrid, líder da Primeira División- entre Liga e Copa baixo a dirección do ex preparador do Club Deportivo Lugo entre 2009 e 2015, Quique Setién. 

O sexto clasificado do campionato será un óso duro de roer para os pupilos dun Carlos Carvalhal que sumou hai unha semana o seu primeiro triunfo no torneo da regularidade, unha tónica á que agarda dar continuidade en sucesivos encontros, comezando polo do Vilarreal, para o que conta co aval da estatística.

Nos 16 enfrontamentos que protagonizaron galegos e levantinos en Balaídos até o momento, os olívicos impuxéronse en sete deles, empatando catro e perdendo cinco.

Ademais, outro dato histórico que invita ao optimismo é que a recepción que a afección  lle ofrecerá ao equipo no marco dos festexos do centenario que o club programou nas horas previas ao xogo podería insuflarlle folgos extras aos xogadores, pois o Celta non caeu derrotado nos últimos nove encontros nos que se desenvolveu un acto semellante.

Con respecto á proposta de Carvalhal sobre o terreo de xogo, o estilo de toque e control do Vilarreal de Setién invita a pensar que Carvalhal optará, como ante o Elxe, por un 5-3-2, renunciando á pelota e agardando pola súa oportunidade de golpear ao contraataque.

Por iso, o máis posíbel é que ofreza un once idéntico ou, polo menos, moi similar ao do triunfo sobre os ilicitanos, con Marchesín; Hugo Mallo, Unai Núñez, Aidoo, Mingueza e Javi Galán; Fran Beltrán, Gabri Veiga, Franco Cervi; Iago Aspas e  Strand Larsen ou Gonçalo Paciência, principal incógnita para un luso que gabou ambos os dianteiros indicando que a súa confianza neles é "moi grande". 

Comentarios