O presidente da LFP destitúe a Lendoiro por ter asistido ao sepelio de Jimmy

“Se coñece á súa familia ten outros momentos totalmente privados para lle dar o pésame”, dixo Javier Tebas. 

sermos02
photo_camera Lendoiro, no centro da imaxe, entre as persoas asistentes ao sepelio

Augusto César Lendoiro era até onte embaixador da Liga de Fútbol Profesional, cargo no que aterrou após pór ponto fin a súa longa época como presidente do Deportivo. Segundo La Voz de Galicia, os seus emolumentos na LFP roldaban os 200.000 euros.

Lendoiro decidiu onte asistir ao sepelio do integrante dos Riazor Blues, da súa sección Los Suaves, que o pasado domingo resultou vítima mortal ao ser obxecto dun salvaxe ataque por parte dun grupo de neonazis do Frente Atlético que, após golpealo brutalmente cunha barra de ferro que lle provocaría feridas fatais, o guindaron ao río Manzanares.

Na súa etapa como presidente, Lendoiro mantivo boas relacións cos riazor blues.

“Se coñece a súa familia ten outros moitos momentos totalmente privados para lles dar o pésame. Que fose á súa casa e non ao funeral", di o ultradereitista Javier Tebas

A súa presenza no sepelio custoulle un cargo. “Non podemos permitir que nun momento como este, no que condenamos calquer acto de violencia e estamos loitando duramente, un representante da Liga se deixe ver con esta xente. Que non esqueza que nós non aceitamos gardar un minuto de silencio. E agora vai el e se deixa ver”, dixo Javier Tebas, quen chamou por telefone a Lendoiro ao ser informado de que fora ao sepelio, para lle comunicar o seu cesamento.

“Se coñece a súa familia ten outros moitos momentos totalmente privados para lles dar o pésame. Que fose á súa casa e non ao funeral. Os que non o coñecíamos rezamos polo falecido, pero non gardamos un minuto de silencio”, engadiu Tabas.

O día en que Jimmy foi vítima do brutal ataque que lle custou a vida, Javier Tebas fixo unhas declaracións moi polémicas que provocaron unha enorme indignación nas redes sociais. O presidente da LFP dixo que “se tivese sido un seareiro normal, se tería suspendido a xornada”. Tebas deu por feito que blues e frenteatléticos se citaran para pelexar -circunstancia esta que as investigacións policiais coñecidas até o de agora desbotan- e o seu discurso tiña un aquel de distancia entre vítima e verdugo.

Iso si, Tebas -coñecido polas súas conviccións relixiosas e pola súa filiación política ultra-dereitista- dixo que rezara por el, mais que non estaba disposto a asumir un minuto de silencio por Jimmy e moito menos “comparar este minuto de silencio co da policía falecida”.

Arredor de 200 persoas asistiron no cemiterio de Feáns ao sepelio de Jimmy. O seu cadaleito ía cuberto por unha bandeira galega coa estrela vermella e polo estandarte símbolo de Los Suaves, sección dos riazor blues.

Comentarios