O PP veta no Senado a participación internacional das seleccións galegas
O Senado debateu e votou esta cuarta feira a toma en consideración da proposición do PP que busca modificar a Lei do Deporte para fechar a porta á participación de seleccións das nacións sen estado en competicións internacionais daquelas disciplinas con arraigamento histórico e social.
A proposta saíu adiante coa maioría absoluta do Partido Popular na Cámara Alta. Agora, o texto legal pasará ao Congreso, onde continuará a tramitación parlamentaria.
Idea "recentralizadora"
A senadora do BNG, Carme da Silva, criticou na súa intervención a Proposición de Lei e cualificouna de "reiterativa, ideolóxica e recentralizadora" entendendo que "pretende impor unha visión uniforme do Estado español e negar a súa realidade plurinacional".
Para a nacionalista, o PP "ten obsesión por trasladar unha imaxe uniforme do Estado español que os leva ao absurdo de reclamar que deportes que só se practican na Galiza dependan de federacións españolas, moi españolas, para poder competir".
Ademais, cre "hilarante" que se fale do Senado como Cámara de representación territorial "mentres o PP o converte nun chiringuito recentralizador". Da Silva lembrou que non é a primeira vez que o PP amosa a súa concepción retrógrada e excluínte do deporte. En abril, o grupo popular aprobou no Senado unhas conclusións da Ponencia de estudo sobre o deporte de base e o deporte feminino que "introducían abertamente a transfobia, ao pretender que só puidesen competir mulleres biolóxicas".
Do mesmo modo, denunciou que no Parlamento galego o PP rexeitou en xullo unha iniciativa do BNG para actualizar a Lei do Deporte da Galiza e eliminar os obstáculos que impiden unha igualdade efectiva na práctica deportiva, "negándose tamén a aprobar medidas contra a discriminación das mulleres e do colectivo LGTBI".
"A concepción do deporte que defende o PP lembra ao modelo da Sección Feminina e do Movemento Nacional. É lamentábel o seu empeño por impedir que Galiza teña presenza oficial no ámbito deportivo internacional", segundo concluíu a senadora do BNG.
PP e PSOE
A deputada do PP, Raquel González, foi quen defendeu a proposta so seu partido. Comezou sinalando que a iniciativa quere "devolver ao deporte español á seriedade, á igualdade e á unidade". Para a representante popular por Castela e León a actual lei é "unha cesión consciente e calculada aos nacionalistas" que converte "o deporte noutro escenario de división". Após lembrar os exemplos de Aitana Bonmatí e Lamine Yamal como "éxitos do deporte español", a popular apelou ao "orgullo de país" con deportistas "que son España".
Por este motivo, González cualificou esta lei como "unha agresión ao sentido común e un atentado á igualdade entre españois". Por último, a popular recordou que a representación internacional corresponde "exclusivamente aos estados" e acusou o presidente Pedro Sánchez de "mudar a situación para manterse no posto".
Por parte do grupo socialista, interveu a deputada Julia María Liberal para defender a lei. Comezou lembrando a historia da pelota vasca "que naceu coa federación internacional en Bos Aires en 1929". A senadora tamén engadiu que "en 1940 creouse a federación española e en 1944 a delegación de deportes e das JONS intentou borrar a súa identidade vasca".
Por iso, a socialista mantivo que a actual lei preserva o dereito á participación fóra do Estado español "se a federación internacional acepta, existindo un arraigo histórico e social ademais de contar co acordo do Consello Superior de Deportes". Pola contra, defendeu a centralización federativa en casos como a do automobilismo. Por último, atacou os presidentes "dalgunhas federacións que fixeron do seu cargo o seu medio de vida con salarios de até 70.000 euros".