Pontevedra, escaparate para os futuros astros do piragüismo

Copa de España de Promesas en Verducido.
O presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea (dereita), co técnico Jesús Morlán. (Foto: Fegapi).
photo_camera O presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea (dereita), co técnico Jesús Morlán. (Foto: Fegapi).

Pontevedra converteu en hábito a súa doce e prolongada lúa de mel co piragüismo. Case sen tempo para que os e as amantes deste deporte rei se recuperaran das emocións vividas nas últimas semanas, coa presenza de varios dos mellores padexeiros e padexeiras do mundo no encoro de Pontillón do Castro, o Complexo Deportivo David Cal de Verducido prepárase para volver vibrar co espectáculo da velocidade mañá e o domingo 15 de maio. 

Nesta ocasión serán os e as padexeiras de categoría cadete as que midan a súa potencia e velocidade na Copa de España de Novas Promesas, organizada pola Federación Galega de Piragüismo (Fegapi) e a Concellería de Deportes en colaboración coa Real Federación Española de Piragüismo e a Deputación de Pontevedra.

A proba está prevista para o próximo domingo 15 de maio

Á cita, que se desenvolverá nas distancias de 1.000 e 500 metros, en horario de 9 a 13 e de 16 a 20 horas -sábado- e de 9 a 13.20 horas -domingo-, acudirán un total de 448 padexeiros -277 homes e 171 mulleres- procedentes de todo o Estado, das que 176 -case 40%- son galegas. As seguintes delegacións máis numerosas proceden de Andalucía (61), Asturias (45), Baleares (43), Euskadi (26), Madrid (25), Cataluña (19) e Castela e León (17).

Tal e como explicou durante a súa presentación o presidente da Fegapi, Alfredo Bea, "en Verducido poderemos ver competir 562 embarcacións das categorías K-1, C-1, K-2, K-4, C-2, C-4 e Paracanoe, nun evento de máximo nivel, que conta coa participación das nosas futuras estrelas e, polo tanto, dos padexeiros e padexeiras que dominarán o deporte a nivel europeo e mundial e que seguirán a ensanchar o palmarés de medallas da Galiza".

Pola súa parte, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes da cidade do Lérez, Tino Fernández, amosou a súa "enorme satisfacción" coa "historia de amor e colaboración institucional que Pontevedra ten co piragüismo e coa Federación, acollendo case cada semana eventos dunha calidade estratosférica". O edil convidou aos e ás amantes deste deporte, así como a aquelas persoas que non o coñecen tanto, a achegarse até o encoro do Pontillón para "gozar desta disciplina de esprinte, que é emocionante e espectacular como poucas".

Comentarios