Persoal da CRTVG critica a entrevista ao avogado que atribuíu o delito de abuso de Santi Mina a "unha mala noite"

O letrado Pablo Viana foi entrevistado na 'Radio Galega' a pasada semana. Ao comité intercentros da CRTVG desconcértalle "que unha semana despois a dirección da empresa non emitise ningún pronunciamento nin adoptase ningunha medida ao respecto".
Santi Mina a súa chegada aos xulgados de Almería. (Foto: Europa Press)
photo_camera Santi Mina a súa chegada aos xulgados de Almería. (Foto: Europa Press)

O comité intercentros da CRTVG vén de lamentar, a través dun comunicado, o "silencio" da corporación de medios públicos da Galiza a respecto da entrevista emitida a pasada semana ao avogado Pablo Viana, que pediu cariño para Santi Mina e do que asegurou que tivo unha "mala noite".

Viana pasou polos micrófonos do programa 'Zona Mixta' da Radio Galega na cuarta feira: "Isto foi unha mala tarde, unha mala noite, unha mala bebedeira; un erro. E por outro lado hai xente que se aproveita de que enfronte teñen a Santi Mina", dixo.

"Desconcerta que unha semana despois a dirección da empresa non emitise ningún pronunciamento nin adoptase ningunha medida ao respecto", sinalan, ao tempo que reivindican como "urxente" e "necesaria" a elaboración dunha "guía ou libro de estilo con criterios claros que inclúa normas precisas e concretas para o tratamento nas informacións e programas da CRTVG da perspectiva de xénero e a violencia machista".

Reclaman, aliás, a creación da figura da "editora en igualdade de xénero" e a formación dos profesionais da corporación neste ámbito. "Así o evidencia o papel xogado polo presentador do programa, que non só non soubo reaccionar e evitou recriminar as graves declaracións do letrado", censuran.

O enfoque "errado" da entrevista, aseguran, "deu pé á valoración xenérica da sentenza por parte de Pablo Viana, máis alá da repercusión estritamente deportiva e a posterior deformación dos feitos probados e culpabilización da vítima".

"A responsabilidade social corporativa non pode ser só un slogan comercial, mais un compromiso real e decidido coa igualdade e a tolerancia cero coa violencia de xénero", engaden desde o comité intercentros.

A dirección da CRTVG, subliñan, "debe asegurar que os profesionais dos medios públicos cumpran con este compromiso social esencial, para o que precisa investir nun plan ambicioso de sensibilización e formación, tanto básica como especializada, progresiva e permanente, de todo o seu persoal en igualdade de xénero e contra as violencias machistas".

O persoal representado no comité tamén urxe a retirada da devandita entrevista da web da CRTVG e as súas canles dixitais, xa que o contido da mesma, salientan, "non pode ter cabida nos medios públicos galegos".

[Esta información foi editada ás 19.04 horas tras atribuír, por erro, ao avogado de Pablo Viana a defensa legal de Santi Mina no xuízo sobre o caso de abusos sexuais]

Comentarios