Pablo Graña accede á final de C1 200 metros no Mundial de Piragüismo
Esta quinta feira decorreu a segunda xornada no Mundial de Piragüismo que acolle estes días o Idroscalo Park de Milán (Italia). As probas, que finalizaron antes de tempo como consecuencia dalgunhas dificultades climatolóxicas, tivo en Pablo Graña (Rodeira de Cangas) unha das súas figuras. O cangués fixo unha excelente competición na semifinal 2 na que conseguiu cruzar a meta en primeiro lugar, asegurándose un posto na final do C1 200 metros que se disputará hoxe ás 15.40 horas.
O do Morrazo parou o crono en 38,75 segundos, a marca máis rápida da proba nestes Mundiais superando ao uzbeko Artur Guliev, segundo, en 61 centésimas. "Foi unha semifinal moi dura onde estaba o actual campión do mundo", afirmou Graña ao rematar a proba, "pero pasar á final, dáme moi boas posibilidades para loitar mañá [hoxe] polas medallas e polo ouro.
O de Cangas é o vixente campión de Europa do C1 200 metros, e este é o seu segundo mundial. O padexeiro do Morrazo estivo na final do Campionato estatal o pasado 2 de agosto en Verducido (Pontevedra), unha proba que era selectiva e na que o gañador obtiña a praza mundialista, mais unha desafortunada caída a escasos 10 metros de meta, cando lideraba a carreira con case un barco de vantaxe, privoulle do ouro e do billete a Milán.
Con todo, a pesar da decepción do momento, a deportividade na competición impúxose aos resultados na pista. O gañador da proba, o padexeiro do Cidade de Pontevedra, Martín Jácome, soubo desde o principio que ese billete non era para el e, a pesar de conquistar a proba, decidiu a renunciar á praza para que participara Graña.
Fontán, Val e Fernández
Pola contra, Manuel Fontán (O Muiño) no C1 50 metros, quedou fóra da loita polas medallas nunha semifinal moi dura, na que clasificaban só tres e foron o checo Martin Fuksa, moldavo Serghei Tarmnovschi e o heleno Stefanos Dimopoulos. O do Salnés fixo un tempo de 1.49,93 na sús proba quedando, a só 22 centésimas de meterse na final. Competirá na Final B hoxe ás 14:25 horas.
Mellor actuación tivo a embarcación de Sara Ouzande, Lucía Val (Piragüismo Rías Baixas), Estefanía Fernández (Fluvial de Lugo) e Bárbara Pardo no K4 500 metros feminino que cumpriu coas expectativas. As actuais subcampioas europeas, impuxéronse na súa semifinal cun tempo total de 1:34.09, con 65 centésimas de vantaxe sobre a China e 71 centésimas sobre as padexeiras norueguesas.
