O Obradoiro regresa de Lisboa con dúas vitorias e unha derrota

O sábado inaugúrase oficialmente a tempada 2021-22.
torneo-beli
photo_camera O escolta lituano do Obradoiro, Laurynas Beliauskas, nunha acción do partido contra o Benfica (Foto: Obradoiro CAB)

O Obradoiro conseguiu a vitoria no último partido do Torneo Internacional de Lisboa tras gañar ao Coosur Real Betis (92-93). Así, os obradoiristas regresan a Santiago de Compostela con dous triunfos e unha derrota.

Os de Moncho Fernández tiveron dificultades no inicio do partido para frear o un contra un do Coosur Real Betis, concedendo segundas oportunidades que aproveitaba o seu rival para ampliar a vantaxe no electrónico. Non se deixou ir nunca o conxunto compostelán e terminou o cuarto cinco puntos por baixo do seu rival (27-22).

No segundo cuarto o Obradoiro soubo darlle a volta ao marcador. Axustou a defensa e anotou con máis facilidade para pórse por primeira vez por diante (41-43) a falta de dous minutos para o descanso.

Os de Moncho Fernández subiron o ritmo ofensivo e, tras un parcial de 16-26 neste cuarto, chegouse ao descanso cun 43-48 no electrónico.

E, tras o paso por vestiarios, chegou o mellor momento ofensivo do Coosur Real Betis, que lle deu a volta ao partido grazas ao acerto exterior e chegou a conseguir unha vantaxe de sete puntos. Foi Ellenson o que reduciu a vantaxe a catro puntos (75-71) logo de anotar un triplo sobre a bucina.

Non comezaron ben os obradoiristas o último cuarto debido ás perdas de balón, que xa viñan prexudicando o seu xogo ao longo do encontro (19 en total fronte ás 10 do Betis), dando vida ao seu rival para ampliar a vantaxe no electrónico (80-71).

Mais chegou a reacción do equipo compostelán cun parcial de 0-8 tras unha tripla de Suárez, outra de Ellenson ─máximo anotador do partido con 25 puntos─ e unha canastra de Scrubb (80-79).

A partir de aquí comezou o intercambio de canastras constante entre ambos os equipos, sen ser capaces de obter unha ampla distancia. Scrubb volveu pór o seu equipo por diante cunha tripla (82-84).

Un roubo de balón e bandexa de Zurbriggen a falta de menos dun minuto (89-93) fixeron que parecese que o partido xa estaba do lado obradoirista, mais Bleijenberg sumou unha canastra de tres desde case nove metros. Unha perda de balón no saque de fondo fixo que o Coosur Real Betis tivese o último ataque, mais Agbelese non anotou e o Obradoiro levou a vitoria (92-93).

Os de Moncho Fernández despídense así do Torneo Internacional de Lisboa cun balance de dúas vitorias (ante o Sporting e o Coosur Real Betis) e unha derrota (ante o Benfica).

Por diante unha semana máis de preparación para seguir coa posta a punto de cara ao comezo da Liga Endesa e preparando o próximo test de pretempada, sexta feira e domingo vindeiros, participando no EncestaRías de Vilagarcía de Arousa.

Supercopa

Este vindeiro sábado comeza oficialmente a tempada 2021-2022 da Liga Endesa coa disputa da Supercopa. Ás 19 horas enfrontaranse o FC Barcelona e o Valencia Basket e ás 22 horas o Lenovo Tenerife e o Real Madrid. O equipo canario contará coa apoio da súa afección, xa que a illa tinerfeña volve ser este ano sede do torneo.

Unha semana despois entrarán en xogo os dous representantes galegos na máxima categoría do baloncesto estatal. O Breogán xogará en Lugo o sábado ás 18 horas co CB Canarias. O obradoiro estrearase ao días seguinte, ás 20 horas, fonte ao Unicaja en Malaga. 

Comentarios