O Obradoiro abre a tempada do seu 50 aniversario contra o Fuenlabrada no Sar

O calendario depara un duro inicio de campaña para o único representante galego na ACB
Momento da presentación como xogador do Obradoiro do ala-pivote israelí-americano Jake Cohen. (Foto: Obradoiro).
photo_camera Momento da presentación como xogador do Obradoiro do ala-pivote israelí-americano Jake Cohen. (Foto: Obradoiro).

O Monbus Obradoiro de Compostela, único representante galego na máxima categoría do baloncesto estatal, xa ten calendario para esta tempada 2020/21, na que a institución festexará o seu 50 aniversario.

Os de Moncho Fernández estrearanse xogando como locais o sábado 19 de setembro, ás 18 horas, recibindo o Baloncesto Fuenlabrada no Multiusos Fondes do Sar. As tradicionais dúas xornadas de descanso serán ambas en xaneiro e, oito meses máis tarde do comezo da competición, o conxunto compostelán despedirá a tempada como visitante na pista do San Pablo de Burgos a fin de semana do 15 e 16 de maio.

Non obstante, e a pesar de que a ACB publicou o calendario completo de emparellamentos, tan só se fixo público o horario das sete primeiras xornadas. Así, tras debutar na casa recibindo o Baloncesto Fuenlabrada, o Obradoiro disputará a primeira xornada entre semana na pista do Baxi Manresa o xoves 24 ás 19 horas, case sen tempo de prepararse para o seguinte encontro, na casa ante o Coosur Real Betis o 27 de setembro ás 17 horas.

Xa en outubro, a entidade presidida por Raúl López visitará a pista do Bilbao Basket, o sábado día 3 ás 18 horas. A quinta xornada disputarase na pista do Real Madrid o domingo 11 de outubro ás 12.30 horas. Unha semana máis tarde, o sábado 17 de outubro, os  obradoiristas recibirán en Sar o Delteco GBC (20.45 horas), mentres que o domingo 25 de outubro o Monbus Obradoiro porá rumbo a Gran Canaria para enfrontarse o Herbalife ás 13 horas.

Fernández, na súa liña

Tras coñecer o calendario de emparellamentos, o adestrador Moncho Fernández insistiu, como é habitual nel, en que non dará "maior importancia" a aquelas cousas que estean fóra do seu control.

"A peculiaridade deste ano é que, ademais das circunstancias propiamente ditas do calendario, hai unha serie de factores arredor, que todos coñecemos, e que fan que as valoracións sexan un exercicio un tanto en balde. Nós o que temos que facer é prepararnos o mellor posíbel para esa primeira semana de Liga, que vai ser moi dura, tanto, que imos xogar practicamente tres partidos en oito días, o que suporá unha enorme esixencia física para uns xogadores que levan tanto tempo sen disputar partidos oficiais", sinalou Fernández.

Polo de agora, o preparador galego xa conta cun novo reforzo para conseguir o obxectivo da permanencia nesta tempada tan especial para a afección do Obradoiro: o ala-pivote israelí-americano de 29 anos Jake Cohen, que conta con experiencia en equipos do nivel do Maccabi de Tel Aviv.

Comentarios