O Deportivo, conducido por un Valerón eminente, sae do descenso na cuarta vitoria de Fernando

Valerón escusas retirarte. Para que. En serio. Se Ryan Giggs xoga aos 39 de titular co United en partidos chave da Champions, non hai ningunha razón para que abandones tan cedo o relvado. Aos teu 38 anos estás imperial. Contigo ao mando o Deportivo encadeou a súa cuarta vitoria consecutiva e xa está fóra do descenso, por vez primeira en 16 xornadas.

Depor-Mallorca
photo_camera Valerón

Todo é máis con fácil con Valerón. Todo é máis fácil se, alén do canario, a poucos metros, está Juan Domínguez. Todo é máis fácil se quen senta no banquiño -hoxe circunstancialmente non, por sanción- é un treinador que acredita no fútebol. Todo é máis fácil con Fernando.

O Deportivo resolveu en apenas 27 minutos a visita ao Levante. 27 minutos de lición maxistral de Valerón. Abriu el propio o marcador ao rematar impecábel un centro de Manuel Pablo (hoxe tamén sensacional). Logo toleou os rivais sen gastar máis suor que o imprescindíbel. Valerón é ao fútebol o que Federer ao tenis. É a esencia do xogo. Sabe todos os segredos. Todos os movementos. Todas as opcións. Cando se equivoca dan gañas de mandar un teletipo e de abrir un informativo.

Após o gol de Valerón, chegaron como relámpagos os de Pizzi e Nelson Oliveira, por fin Nelson Oliveira, minutos 19 e 27 respectivamente. Na segunda parte, o Deportivo conxelou o partido cunha demostración soberba de passing game. Bruno completou a faena no desconto (0-4, m. 92).

Fixer o que fixer o Deportivo nos 7 xogos que fican pendentes, o milagre xa está feito. Esta equipa estaba rota, sen rumo. Fernando endireitouna porque soubo recompor algunhas pezas (o retorno de JuanDo) e porque é un enorme motivador. Non houbo poucos risos condescendentes, coitadiño, cando dixo aquilo de que isto se arranxaba con 8 vitorias. Xa conseguiu 4. E faltan 7 partidos.

O Deportivo vai durmir esta noite fóra do descenso, por vez primeira en 16 xornadas. Teno todo para permanecer na élite porque hai equipa, hai treinador e porque ten a esencia do xogo. Ten a Valerón.

Comentarios