Riazor dita sentenza e pide a demisión de Lendoiro

Nova derrota do Deportivo. 13 en 24 partidos. Por vez primeira en dúas décadas, Riazor pediu a berros a demisión de Lendoiro. Panos brancos toldaron as bancadas ao asubiar o árbitro o final do choque. Concluído o encontro, a resaca foi das que fan época. Houbo incidentes nas cercanías do estadio. DxtCampeón informou de que se rexistraron mesmo cargas policiais.

A situación, en termos futbolísticos, é cuase irreversíbel. En termos financeiros, após suspender pagamentos, o Deportivo podería mesmo verse abocado á súa liquidación societaria e, consecuentemente, á súa desaparición como clube.

Escribíra o clásico que se consumou a traxedia en Riazor. Realmente, esta equipa é ben pior do que a que ascendeu a pasada temporada. Ninguén preenche o oco deixado por Guardado. Nelson Oliveira non é hoxe por hoxe mellor futbolista que Lassad. Marchena é unha sombra do que foi, a anos luz de Colotto. O problema non era Oltra. O problema é que a equipa non ten fútbol para estar en Primeira División. O único que ten son os lampeos dun futbolista crepuscular, Valerón, ao que o físico e a idade apenas conceden 30 minutos sobre o relvado en mínimas condicións competitivas. Do resto só se salva o pundonor de Bergantiños e a clase -demasiado intermitente- de Pizzi. Moi pouca bagaxe para unha viaxe tan exixente como a da liga española.

Este 0-2 deixa ao Deportivo con 16 puntos sobre 72 posíbeis. Fican 14 encontros por diante. 42 pontos en xogo. O Deportivo debería obter como mínimo 26. Ninguén no seu san xuízo na Coruña acredita que esa proeza estexa hoxe ao alcance da equipa de Paciência, que, por certo, suma a cuarta derrota consecutiva.

Alén do máis, Riazor ditou sentenza. "Lendoiro, demisión", berrouse nas bancadas. O descenso á Segunda División non é a día de hoxe o pior que lle podería acontecer nos vindeiros meses a un clube xa centenario. No horizonte está a liquidación societaria (o administrador concursal pode decretar que o Depor non está en condicións de afrontar o pagamento da súa monstrosa débeda, aínda que fose reducida cunha xenerosa quita) e, por tanto, a súa desaparición.

Comentarios