O Depor arranca en Anoeta un ponto agónico con sabor a vitoria

O libreto de Domingos funciona tamén con 10 futbolistas. O Deportivo sobreviviu en Donosti á expulsión de Evaldo (m. 64) e findou por arrincar un ponto con sabor a vitoria.

O Deportivo de Domingos non ten nada a ver co Deportivo de Oltra. É unha equipa moito máis agresiva, con escasos espazos entre liñas, e que concede poucas opcións de gol ao contrario. En Anoeta debeu cometer o duplo de faltas que na época do técnico valenciano.

Para o treinador português, o futebol comeza na retagarda e o principio básico da súa filosofía é que a defensa é cousa de todos, non só dos zagueiros. Con tal doutrina é doado entender o ostracismo de Valerón, e a resurrección de futbolistas como André Santos ou Jesús Vázquez.

Doses de ourivesaría

Felizmente, alén de músculos e quilos, o combo branquiazul dispón tamén de doses de ourivesaría. De aí saiu o gol de Pizzi, un futbolista de enorme clase que puxo por diante o Deportivo no minuto 27. Mágoa que outro artista, Vela, reequilibrará o choque nos estertores do primeiro acto.

A segunda metade foi pura metalurxia. Maquinaria pesada sobre o relvado. Escasísimas concesións á galería, nomeadamente após a expulsión de Evaldo, un agasallo do árbitro á equipa basca.

A segunda parte foi pura metalurxia. Maquinaria pesada sobre o relvado

Con 10 sobre o campo emerxeu imperial a figura de Bergantiños. Omnipresente. E Bruno Gama tamén mostrou o que é, un futbolista excepcional á contra, un gambeteador de alta escola.

O encontro concluíu agonicamente para o Deportivo, que fecha a primeira volta con 16 pontos. O Deportivo continúa en postos de descenso, mas transmite outro ar. Hai esperanza.

Comentarios