O alento de Balaídos leva ao Celta a amarrar un ponto perante un excelente Athletic

A freguesía celeste estivo imperial. Case 25.000 persoas nas bancadas. A torcida deuno todo para empurrar a un Celta que non estivo moi inspirado, salvo o lampexo de última hora do xenio Aspas. O Athletic, como xa fixera en Riazor, deixou imaxe de equipa excelente, mas moi piadosa perante o arco rival.

Athletic Celta
photo_camera Athletic Celta

O Athletic puxo o fútebol e as ocasións -até dúas bolas á trave e, sobre todo, a inenarrábel oportunidade de Aduriz só na área pequena, esa clase de erros que inmortalizan un futbolista de se producir nos grandes eventos-, mentres o Celta nunca acabou de entrar en xogo, bloqueado pola presión, engruñado pola importancia dos pontos en disputa, demasiado desaparecido Borja Oubiña, con Iago Aspas como único argumento para desequilibrar.

Nos primeiros 20 minutos de xogo, a equipa de Bielsa foi descaradamente polos tres pontos. Con desborde polas alas -Munianín e Susaeta- e unha extraordinaria mobilidade de todos os seus efectivos, o Athletic monopolizou a bola e abeirou o gol en varios lances.

O Celta só existiu no primeiro acto cando comezou a operar a sociedade Krohn-Delhi-Iago Aspas. Mágoa para os locais que fose demasiado intermitente. Moi pouca bagaxe para furar o muro branco e vermello.

O Celta aínda está vivo e con opcións. En boa parte grazas ao alento de Balaídos e a que posúe un futbolista distinto. Iago Aspas

O 0-1 co que o encontro chegou ao intervalo (m. 42, De Marcos) era un resultado francamente xusto, e agoiraba na segunda parte penalidades para os de Abel Resino, atuídos, sen fluídez.

E, con efeito, o Athletic puido golear no segundo acto. Un balón á trave, unha espléndida cabezada de Aduriz magnificamente conxurada por Javi Varas, e unha excelsa combinación pola banda dereita con delicadísima asistencia de Muniaín ao pau corto, á beira da área pequena, por onde apareceu só o dianteiro donostiarra. Só precisaba darlle un empurronciño na dirección a gol. Só pór a chuteira e marcar. Balaídos contivo a respiración. Era a derrota segura. Mas incribelmente Aduriz fallou.

Aí o Celta comezou a crer que tamén desta safaría. Balaídos aumentou a presión. O Athletic acusou o golpe. Orellana deslizou un pase ás costas da zaga do Celta e por aí se escorreu Iago Aspas. O futbolista de Moaña ten aquilo do que carece a inmensa maioría dos seus colegas de profisión. Ten o que hai que ter. Xenio. Gol.

Co 1-1, o Celta suma 31 pontos, con 4 xogos por disputar. Continúa na zona de descenso, mas aínda está vivo e con opcións. En boa parte grazas ao alento de Balaídos e a que posúe un futbolista distinto. Iago Aspas.

Celta: Javi Varas, Jonny, Jonathan Vila, Túñez, Bellvís, Oubiña, Madinda. Augusto (Toni, min.75), Álex López (Orellana, min.60), Krohn-Dehli (Bermejo, min.62) e Iago Aspas

Athletic Club: Iraizoz, Iraola, San José, Ekiza, Aurtenetxe, Gurpegui, Iturraspe (Ibai, min.58), De Marcos, Susaeta, Muniaín e Aduriz (Llorente, min.75)

Goles: 0-1, min.42: De Marcos; 1-1, min.83: Iago Aspas

Árbitro: Velasco Carballo, do comité madrileño. Cartóns amarelos para Jonathan Vila, Gurpegui, Iraola e Muniaín

Balaídos. 24824 espectadores

Comentarios