Mugardos non puido ascender á máxima competición das traiñeiras, a Liga San Miguel

A embarcación mugardesa non logrou ascender á elite do remo máis bautizouse nunha proba á cal chegar é un mérito . A Liga San Miguel contará na vindeira tempada con 2 representantes galegas.

traiñleira mugardos

Non puido ser. Mugardos non formará parte na vindeira tempada da Liga San Miguel, a elite das traiñeiras, e a representación galega na máxima competición ficará restrinxida a Cabo de Cruz e Tirán. Os 'play-offs' para as 2 prazas da ACT foron finalmente para Portugalete e Zumaia, que se impuxeron nas regatas desta fin de semana. Getaria e Mugardos (que aspiraba a un posto após a renuncia de Amegrove, a campioa da Liga Galega de Traiñeiras) ficaron en terceira e cuarta posición.

Mais para Mugardos o desta fin de semana foi unha experiencia única, pois por primeira vez os mugardeses aspiraban a entrar na ACT. Unha vitoria en si propia estar aí, competindo en Bermeo e Bilbao con outras 3 traiñeiras polo ascenso. O seu propio adestrador recoñecía antes da competición e enorme ilusión por ir aos 'play-offs'.

Así pois, a Liga San Miguel contará para a vindeira tempada con 2 representantes galegas, Cabo de Cruz e Tirán, entre as 12 embarcacións a competir. Na campaña que vén de rematar había unha máis, Samertolameu de Meira, que descendeu.

A Liga San Miguel puxo o ramo esta fin de semana con dúas regatas, vencendo Hondarribia na de Bermeo (casa de Urdaibai, a súa directa competidora destes anos ) e Kaiku na de Bilbao. Os de Hondarribia lograron conquistar 13 bandeiras, igualando o récord que estaba en mans de Castro. Cabo de Cruz acabou sexta na Clasificación xeral e Tirán, sétima.

Comentarios