Mondoñedo nomeará filla adoptiva predilecta a atleta Susana Rodríguez

O Concello de Mondoñedo recoñece Susana Rodríguez polos seus éxitos deportivos; pero, especialmente, polos valores que representa: "enerxía, esforzo, competencia e superación".

Susana Rodrígez (Foto: RFEA).
photo_camera Susana Rodrígez (Foto: RFEA).

A corporación municipal do Concello de Mondoñedo aprobou na súa sesión plenaria, por unanimidade de todas as forzas políticas, iniciar o expediente para concederlle á atleta paralímpica Susana Rodríguez Gacio a distinción de filla adoptiva predilecta.

Segundo informou o Goberno local nun comunicado, o rexedor municipal, Manuel Otero, comunicou directamente á médica e deportista viguesa e de raíces mindonienses o acordo do pleno, ante o que se mostrou "moi contenta e ilusionada".

Ademais, o alcalde tamén mostrou o desexo do municipio de organizar un acto "coincidindo cunha data que se adapte ao seu calendario de compromisos e ocupacións".

Susana Rodríguez Gacio, ouro nos Xogos Paralímpicos de Tokio

Susana Rodríguez Gacio gañou a medalla de ouro en tríatlon na clase PTVI e a quinta praza da proba de 1.500 metros da clase T11 nos Xogos  Paralímpicos de Tokio, co que se converteu ademais na primeira galega e cidadá do Estado en competir en dous deportes distintos.

Tres veces campioa mundial de tríatlon, terminou en setembro de 2020 a especialidade de Medicina Física e Rehabilitación no Centro Hospitalario de Santiago.

"O Concello quere recoñecer, por tanto, a Susana Rodríguez polos seus éxitos deportivos; pero, especialmente, polos valores que representa: "enerxía, esforzo, competencia e superación".

Comentarios