OS VIOLENTOS ATLÉTICOS AGARDARON A CHEGADA DOS DOUS AUTOBUSES CORUÑESES

A policía non ten constancia de que houbese "quedada" entre os ultras atléticos e os blues

Segundo o atestado da policía, non existe constancia de que os ultras do Atlético e os riazor blues se tivesen citado ás portas do Calderón horas antes do comezo do partido. Os violentos atléticos -moitos deles de ideoloxía neo-nazi- agardaron a chegada dos dous autobuses coruñeses e. unha vez que os blues puxeron pé en terra, cargaron contra eles. Os blues repeleron a agresión. O balanzo, un seareiro deportivista morto a mans dos atléticos. 12 feridos. 21 detidos. 90 persoas identificadas.

jimmy-crop
photo_camera Jimmy

 

Faleceu o seareiro do Deportivo -Francisco José Romero Taboada, coñecido como Jimmy, de 43 anos e pai de dous nenos, entre eles un rapaz de catro- que foi golpeado e lanzado ao río por ultras do Atlético de Madrid na mañá do domingo perto do estadio Vicente Calderón, onde o equipo coruñés tiña que xogar contra os locais. Os feitos producíronse logo de que uns 150 membros do Frente Atlético, seguidores violentos do conxunto madrileño, se presentaran no lugar fortemente armados, ferindo tamén de arma branca a outros tres deportivistas, dos Riazor Blues. Hai doce feridos (sete do Dépor e catro do Atlético) máis 21 detidos.

Malia que as circunstancias non están claras, seica o deportivista foi golpeado por varias persoas e lanzado inconsciente ao río Manzanares, de onde foi rescatado por mergulladores da policía, Saíu de alí en parada cardio-respiratoria xa que se golpeu na cabeza na caída. Non o puideron salvar. 

Namentres a policía detivo a varios dos ultras atléticos- todos eles de estrema dereita- e mandou de volta á súa cidade aos 70 seareir@s branquiazuis desprazados. O encontro dispútouse igual, o que provocou fortes críticas cara á LFP e mesmo cara á directiva e xogadores do Dépor, por non negarse a saír ao campo.

Os incidentes comezaron ás nove da mañá e a policía non interveu até moi tarde, malia os moitos indicios de que podían producirse incidentes, e identificando e retendo os atacados, namentres fuxían os autores dunha acción planificada e con claras intencións de causar unha traxedia. Ultras de carácter fascista do Atlético de Madrid xa asasinaron hai anos a Aitor Zabaleta, un seareiro da Real Sociedade. Fontes dos seguidores coruñeses desprazados negan terse citado co Frente Atlético para unha pelexa. Si é certo que estaba acompañados de membros de Bukaneros, do Rayo Vallecano. 

BNG

Nunha nota pública, o BNG da Coruña condena o "lamentábel asasinato do afeccionado do Deportivo a mans dos ultras neonazis do Atlético de Madrid e transmítelle as súas condolencias á familia e achegados do home falecido e a toda a familia deportivista".

O Bloque critica que "a Federación Española de Fútbol non suspendese o partido entre o Atlético de Madrid e o Deportivo e denuncia que o encontro entre ambos os equipos non foi declarado de alto risco, malia ser a hinchada ultra do Atlético moi violenta coas afeccións das nacionalidades históricas do Estado español e malia os antecedentes de agresións aos afeccionados e afeccionadas do Deportivo nos desprazamentos á capital do Estado". 

Comentarios