Miguel Barreto: "Seguimos parados cando somos deportes seguros"

O snowboard ou o esquí son a estas datas o que o volei praia ou o kitesurf ao verán. Non obstante, estas disciplinas atópanse nunha situación de parálise case total a causa dunha serie de factores que debullamos coa axuda do ourensán Miguel Barreto, presidente da Federación Galega de Deportes de Inverno.
O ourensán dirixe a Federación Galega desde 2014. (Foto: CRTVG).
photo_camera O ourensán dirixe a Federación Galega desde 2014. (Foto: CRTVG).

Como está afectando a pandemia da Covid-19 á práctica dos deportes de inverno na Galiza?

Estamos vivindo unha situación moi complicada. Partamos da premisa de que os nosos deportes son individuais é ao aire libre, polo que non debería haber maiores problemas, pero non é así. A razón é que as competicións de neve, como é o caso do esquí, non só dependen do protocolo que elaboramos e que aprobou a Xunta, senón tamén daqueles das propias estacións de montaña, que poden chegar a contradicir o noso. Poñamos, por exemplo, que en Manzaneda -aínda que hoxe non sería posíbel, porque permanece fechada- se disputase un campionato estatal ou europeo. Pois ben, nós podemos ter elaborado e publicitado un protocolo que di que nas telecadeiras poden ir seis persoas e nas telecabinas oito, pero a estación ten un protocolo de seu que pode rebaixar ou aumentar esa cantidade.

De todos modos, e independentemente dese conflito de competencias, o fechamento da única estación galega, así como dunha importante parte do resto das estacións de montaña do Estado, impide a práctica dunha gran parte dos deportes de inverno...

Pois si. Persoalmente non entendo que non se poida practicar un deporte individual e ao aire libre en tantas e tantas estacións de esquí que permanecen fechadas e, por exemplo, si que estea aberta a pista indoor de Xanadú, en Madrid. Onde se está mellor, ao aire libre a 1.000 metros de altura ou nun lugar fechado? Son máis seguros un centro comercial, un autobús ou un metro? Os bares xa están abertos, tamén se están desenvolvendo deportes de contacto e en lugares fechados, como o fútbol sala, o judo, o taekwondo ou o boxeo, e mentres tanto nós, que o máximo que teríamos que facer sería obrigar ao uso da máscara e a distancia nas pequenas fileiras que se poidan formar en determinados momentos, seguimos parados, cando non deberiamos ter ningún tipo de problema por ser os nosos deportes, insisto de novo, individuais e ao aire libre.

É vostede optimista de cara a unha mellora da situación no inminente ano 2021?

Non demasiado. Dependemos totalmente da evolución do número de contaxios, de que a Administración tome determinadas decisións... Non sei. Persoalmente a apertura progresiva dalgunhas estacións, como as do Pirineo Catalán, San Isidro ou Serra Nevada, que tamén o fará pronto, dá confianza. O que non pode ser é obrigar a ter totalmente fechados uns centros que xeran tantos empregos en zonas de montaña, que viven só diso, porque estás afundindo a súa economía. Eu entendo que sanitariamente hai que protexer os grupos de risco e emprender medidas cautelares, pero se ti cerras un bar dunha estación de esquí na tempada de inverno na que se tomarían as medidas de seguridade igual que en calquera outro... que consegues?

Insiste na seguridade dos deportes de inverno. Como está sendo a aplicacións dos protocolos noutros lugares como Catalunya?

Está a ser diferente en cada lugar, porque dentro das competicións do Estado nós temos un protocolo, pero logo vén xente de Castela, de Asturias... e teñen outro.  En cada territorio actúase diferente, e ademais se a estación de montaña ten o seu propio protocolo e a xente se arrebola para mercar o forfait ou se xunta máis da conta na telecadeira, pois aí non podemos entrar, pero entendo que se todas velamos porque se respecten as normas, debería abrirse todo. En Catalunya puxeron en marcha as estacións o pasado día 14, e é un síntoma de que comezan a moverse as cousas. 

Comentarios