O "mellor elenco posíbel" para un "xa emblemático" Rally San Froilán

Asistentes á presentación do Rally San Froilán, onte diante do Pazo Provincial, na Praza de San Marcos de Lugo (Nós Diario)
Presentado onte a 42ª edición da carreira, que contará con tres tramos nos concellos de Outeiro de Rei, do Corgo e de Friol e se disputará este sábado. 

Un total de 127 pilotos participarán na 42ª edición do Rally San Froilán, que se disputará este sábado nos concellos de Outeiro de Rei, O Corgo e Friol, e que foi presentado hoxe na Praza de San Marcos de Lugo, fronte ao Pazo Provincial. Con esta proba retómase o calendario do Campionato Galego de Rally, parado tras a disputa da primeira carreira pola crise sanitaria da Covid-19. Víctor Senra, Iago Caamaño, Alberto Meira ─gañador da última edición─, así como Adrián Díaz, Francisco Dorado e Antonio Fernández, son algúns dos candidatos a ocupar os postos do podio.

Serán tres pasadas en cada un dos tres tramos nos itinerarios marcados nos concellos de Outeiro de Rei, do Corgo e de Friol. No desenvolvemento do rally seguirase o protocolo elaborado pola Federación Galega de Automobilismo, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral para o Deporte. Isto é, uso de máscara e distancia física de 1,5 metros.

Ao longo da tarde de hoxe, os vehículos realizarán as verificacións técnicas e administrativas precisas para participar na competición. Será no aparcadoiro do Auditorio Gustavo Freire.

"Un rally incríbel"

No acto de presentación, o deputado provincial de Deportes, Efrén Castro, subliñou "o esforzo levado a cabo pola Escudaría Miño Lucense para adaptarse ás novas circunstancias" da Covid. Ademais, pediu a colaboración de todas as persoas "participantes e afeccionados para que o Rally San Froilán, que xa é emblemático, aumente a súa lenda saíndo adiante tamén nun ano tan complicado coma este". 

Pola súa banda, a presidenta de Miño Lucense, Maite Vilanova, remarcou o nivel dos participantes, "temos un rally incríbel, quizais a mellor lista de inscritos que se podería ter neste momento". E informou de que será retransmitido en directo na web e na páxina de Facebook da escudaría.