María Tato dimite como directora da candidatura do Mundial de 2030 tras a polémica exclusión do estadio de Balaídos
Balaídos aparecía nunha primeira lista entre os 11 estadios elixidos. Porén, 48 horas despois, presentouse outro documento no que Anoeta aparecía entre os 11 primeiros e o vigués ficaba fóra.
María Tato, máxima responsábel da candidatura para organizar o Mundial de fútbol masculino do ano 2030, torneo que se disputará de maneira conxunta en Portugal, Marrocos e no Estado español, presentou esta cuarta feira a dimisión do seu posto na Real Federación Española de Fútbol (RFEF).
Segundo confirmou a propia RFEF, Tato deixará de dirixir unha candidatura salpicada nos últimos días pola polémica elección das súas sedes no Estado español, sendo Vigo, co estadio municipal de Balaídos, a cidade damnificada na súa 'loita' particular con València (Nou Mestalla).
Segundo asegura unha información publicada en exclusiva o diario El Mundo.as puntuacións que deixaron Balaídos fóra dos estadios elixidos como sede do Mundial 2030 estarían manipuladas. Así, o estadio vigués aparecía nunha primeira lista entre os 11 estadios elixidos, con 10,2004 puntos; un posto por baixo situábase Anoeta, fóra do Mundial, con 10,1226.
Porén, 48 horas despois, presentouse outro documento no que o estadio donostiarra aparecía con 10,6026, polo que ficaba dentro das 11 sedes elixidas, mentres que Balaídos descendía ao posto 12.
A información apunta ademais que un correo remitido por María Tato, xa ex responsábel da candidatura para organizar o Mundial, ao entón vicepresidente do organismo Rafael Louzán, confirmaba que Vigo entraba no grupo, no posto número 11. Mais noutro correo posterior, o 28 de xuño, remitía a varios dirixentes unha nova claisificación na que Vigo ficaba fóra dese grupo e entraba Anoeta.