O BNG defenderá un acordo do pleno de Vigo para exixir explicacións á RFEF sobre o "escándalo" das sedes do Mundial de fútbol
Xabier P. Igrexas pide que se deixe de utilizar "o asunto como arma" na "permanente pelexa partidista" entre PP e PSOE.
O BNG de Vigo defenderá no próximo pleno municipal, que decorrerá a vindeira segunda feira, 31 de marzo, un acordo "unánime" para exixir á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) explicacións sobre o "escándalo" da elección das sedes do Mundial 2030.
Nun comunicado, o portavoz nacionalista, Xabier P. Igrexas, anunciou o rexistro dunha emenda ás mocións presentadas polo PSOE e o PP co obxectivo de posibilitar un acordo de toda a corporación "e evitar que continúen utilizando o asunto como arma na súa permanente pelexa partidista".
Igrexas cualificou de "moi graves e moi preocupantes" as informacións publicadas polo diario El Mundo esta semana, que asegura que a Federación "manipulou" as puntuacións das sedes para deixar fóra Vigo e meter Anoeta.
Respecto diso, dixo que se trata dunha "chapuza de nivel olímpico" ou dunha "pura cacicada, que en nada sería sorprendente por parte dunha entidade presidida por Rafael Louzán".
"Os vigueses merecen explicacións destas irregularidades, con independencia da súa opinión sobre a posibilidade de ser Vigo sede mundialista ou da valoración dos seus custos e beneficios para a cidade", engadiu.
Pola súa banda, esta cuarta feira o alcalde, Abel Caballero, volveu a falar sobre o tema. Nun audio difundido aos medios de comunicación, insistiu en pedir explicacións a Louzán, que non compareceu desde que estalou a polémica a pasada segunda feira.
Quen si se pronunciou foi a máxima responsábel da candidatura para organizar o Mundial de fútbol masculino do ano 2030. María Tato presentou esta cuarta feira a dimisión do seu posto na Real Federación Española de Fútbol (RFEF).