Marco Garcés analiza a actualidade deportiva do Celta tras o mercado de fichaxes
Marco Garcés, director de fútbol do Celta, compareceu esta terza feira ante os medios de comunicación, no Salón Rexio de A Sede, para facer balance do recentemente finalizado mercado de verán e atender as cuestións dos e das xornalistas.
O máximo responsábel da área deportiva asegurou, sen aínda achegar datos oficiais, que o Celta aumentou de maneira notábel o límite salarial para confeccionar o equipo "máis caro da historia" do conxunto vigués.
"Fixéronse análise de vídeo a través dos nosos scouts. Viaxamos a velo e decidiuse por asinar a Radu. Ten as características do que buscabamos", afirmou sobre a adquisición do gardameta romanés que se fixo coa titularidade do equipo nada máis chegar á Galiza.
"Necesitabamos un nove. Tiñamos esa débeda despois da perda de Douvikas. Fomos por Ferrán Jutglá, un xogador que cumpría coas características que necesitaba Claudio", salientou sobre unha das fichaxes que máis ilusionan á bancada de Balaídos.
"Seguindo as instrucións e desexos do noso adestrador tentamos conservar o bloque de xogadores e fíxose a compra de Ilaix Moriba, onde houbo que facer grandes esforzos por ambas as partes para poder terminar coa negociación. Fixemos tamén a Borja Iglesias", sinalou a respecto de dous xogadores que xa formaban parte do grupo na pasada tempada.
"Fixemos tamén a Bryan Zaragoza. Unha cesión que está nas condicións que nós podemos ou buscabamos", dixo sobre o atacante, que non sendo propiedade do club, está chamado a ser un xogador moi importante nun exercicio no que o Celta precisa fondo de armario para afrontar a competición europea.
"Houbo promocións tamén de Yoel Lago, Manu Fernández, Miguel Román e Jones. Ademais da reinserción de Javi Rueda despois do seu período de préstamo en Albacete", acrecentou sobre os efectivos procedentes do filial celeste e que agora farán parte do primeiro equipo.
"Logramos que todos estivesen inscritos a tempo, que todo o persoal estivese completa 15 días antes do comezo do curso para que Claudio tivese a todos os xogadores que necesitaba inscritos en forma e tempo", concluíu o director de fútbol do Celta.

