Luz Fontán 'Machi' fai historia na liga galega de billarda

A primeira xornada da Conferencia Rías Baixas no Grove (O Salnés) viviu a vitoria na absoluta de Luz Fontán 'Machi'.  
Luz Fontán 'Machi' esta fin de semana. (Foto: LGB)
Luz Fontán 'Machi' esta fin de semana. (Foto: LGB)

Espectacular inicio de tempada na Conferencia Ría Baixas. No Grove (O Salnés) Luz Fontán 'Machi' (Armadiña) quedou  campioa absoluta nesta primeira xornada, unha situación que se deu tres veces desde que naceu a Liga Galega de Billarda (LGB) na tempada  2020-2021. 

A herba artificial do Monte da Vila xunto co aire a favor foron dous factores importantes para explicar que houbese até 7 varados e que 7 xogadores chegaran á vintena de puntos.  

Así, a clasificación xeral ten como primeiro líder da tempada ao actual Campión galego, Xan Rodiño, e en Feminina a primeira líder é Luz Fontán ‘Machi’, con 20 puntos. En Infantil o actual campión galego da categoría, Xián Burgos encabeza a táboa. 

Por equipos

En Equipos F, Gharaboto F, actual campión galego dominou a xornada con 9 puntos máis que Valpaços F, terceiro quedou Armadiña F a 10 puntos da segunda posición. Corredoiras F con 32 foi cuarto e quinto Lúa F. 

De novo, a loita será entre os equipos de Marín (O Morrazo) e Vigo tendo a Armadiña de Poio (comarca de Pontevedra) e Corredoiras de Bueu (O Morrazo) como alternativa para conseguir a vitoria nalgunha xornada. Porén, para optar ao título estes dous equipos necesitan encontrar no mercado máis xogadoras. 

Ademais, nesta xornada estaban en xogo 5 prazas para disputar o vindeiro sábado 20 setembro en Ribadumia televisada pola TVG2 a Copa de Billarda. Estas prazas obtivéronas: Luis González 'Piru', é Manuel Novas, Albino Veiga, Sofía Montero e Marco Losada.

A seguinte fin de semana, o 21 de setembro, a LGB trasládase até Razo-Carballo (Bergantiños) para realizar a segunda xornada, desta vez dentro da Conferencia Noroeste.

Comentarios