O Lugo amarra a permanencia e o Dépor aloumiña o play off de ascenso

Un lance do Lugo-Tenerife

Boas novas para o fútbol galego de elite. O Lugo selou esta terza feira a súa permanencia en Segunda División, por oitavo exercicio consecutivo, ao empatar no Anxo Carro co Tenerife (0-0). O mesmo resultado produciuse en Elx entre o equipo local e o Dépor, unha igualada que pode valer o pasaporte ao play off de ascenso após a sorprendente derrota do Cádiz na súa casa fronte ao Extremadura que adestra o coruñés Manuel Mosquera.

50 por cento dos obxectivos galegos na Segunda División —a permanencia do Lugo— conseguido grazas ao empate, sufrido, dos branquivermellos no Anxo Carro fronte ao Tenerife. Falta agora o outro 50 por cento, que o Dépor poña un pé primeiro no play off e despois remate a faena co ascenso á Primeira División.

 

"Sachamos e sachamos. En Segunda quedamos!!", afirmou exultante o Lugo na súa conta twitter. Non é para menos. 8 temporadas consecutivas na Segunda División, unha marca máis que considerábel. O estado de ánimo do equipo expresouno á perfección Seoane no encontro cos medios após o xogo: "Salvámonos a falta dunha xornada na que eu penso que foi a tempada máis igualada da historia".

 

Por súa parte, o Extremadura de Manuel Seoane botou un cabo ao Deportivo ao gañar contra todo prognóstico en Cádiz (0-1). Destarte, o empate do equipo branquiazul fronte ao Elche basta para o colocar en postos de play off. A verdade é que a escadra coruñesa mereceu máis. É difícil fallar máis ocasións claras de gol e nese sentido botouse de menos o máximo realizador do combo, Quique, de baixa. En todo caso, o Deportivo volve depender de si propio. Unha vitoria na casa a próxima semana fronte ao xa descendido Córdoba valeríalle para acceder ás eliminatorias que conducen á Primeira División.