O roller derby comeza este sábado a súa liga en Vigo
Este sábado comezará en Vigo a Liga Galega de roller derby coa disputa dos primeiros catro encontros, a partir das 12 horas, no Pavillón Polideportivo do Berbés. O equipo local vigués, Sereas Bravas, será o encargado de organizar esta xornada na que participan máis de 50 persoas que estarán na pista formando parte de cinco equipos.
Estarán, de Ourense, Jabatas; da Coruña, Brigantias (con dúas formacións) e máis Irmandiñas; e de Vigo, Sereas Bravas.
Ademáis, os partidos tamén contarán coas correspondentes equipas de Oficials (árbitros) e numeroso persoal de NSO (Non skate oficials) que se encarga de axudar nas tarefas que se requiren nun partido de roller derby, desde manexar o marcador até levar cómputo das faltas ou manter o bo estado da pista.
O roller derby
O roller derby é un deporte de contacto, velocidade e estratexia orixinario dos Estados Unidos de América.
Xógase en patíns tipo quad ou tradicionais e ten como obxectivo conseguir que a corredora do equipo (jammer) supere ás bloqueadoras (blockers) do equipo contrario anotando así o máximo posíbel de puntos. Ambos os dous equipos, de cinco persoas, xogan simultaneamente en períodos de dous minutos denominados jams. Os partidos xóganse en dúas partes de 30 minutos e nunha pista plana ovalada.
A Liga Galega de roller derby xógase conforme as normas oficiais da Women´s Flat Track Derby Association (WFTDA) que estabalece requirimentos claros sobre o equipamento das xogadoras (desde o casco até as proteccións), sobre as zonas de impacto legal e sobre a identificación da jam, mediante unha estrela, e a da pivot, cunha raia nos cascos.
Trátase dun deporte de alta intensidade con moito dinamismo e emoción que ten conseguido captar a numerosas xogadoras e seguidoras tanto en Vigo como no resto da Galiza. Para a súa promoción, o equipo vigués abre os seus adestramentos, dúas veces por semana, para que acceda todo o público.