A liga de chave federada contará con nove equipos máis a vindeira tempada

Borja Souto, xogador do Ans. (Foto: FGDA)
O nacemento en 2021 da Federación Galega de Deporte Autóctono (FGDA) fixo que a chave comezara un novo camiño. Superada a pandemia, a creación de novas competicións e a promoción fixo que medrara en clubs e licenzas superando as adversidades. Esta fin de semana remata a tempada coa vista posta no que virá en 2026.

A tempada de chave remata esta fin de semana coa final do denominado 'Cara a cara', un formato novo que naceu hai tres anos e que consiste en enfrontar dous equipos de seis membros onde só contan os enfrontamentos directos. O encontro reunirá, esta edición, aos Ans co San Cristóbal, os dous clubs máis potentes que compiten nos torneos que organiza a Federación Galega de Deporte Autóctono (FGDA) dentro da modalidade deste deporte tradicional. 

O secretario deste organismo, e responsábel da modalidade de chave, David Castelo, considera en declaracións a Nós Diario, que esta campaña é "moi satisfactoria" e avanza que para a seguinte o que até non hai moitos anos estaba considerado "como un xogo" dará un salto de calidade pola entrada de nove clubs. Oito proceden da desaparecida liga de Peñas ou da Irmandade de Chave e o outro reincorpórase despois de estar en anos anteriores. Con estas entradas, Castelo indica que se sumarán "unhas 200 licenzas máis ás actuais 300 que temos agora mesmo".  

Evolución positiva

A creación en 2021 da nova federación que reuniu as prácticas deportivas tradicionais da chave e da billarda foi "positiva", en opinión de Castelo. Con todo, aínda hoxe lembra as dificultades que tiveron como consecuencia da pandemia da Covid-19. "Chegamos a perder 7 clubs e moitas licenzas entre as entidades que decidiron continuar", explica Castelo.  

Desde a federación levan anos traballando para que entre xente nova e tamén para que se animen a practicalo as mulleres. O primeiro destes obxectivos está a dar os seus resultados introducindo horarios que faciliten a chegada de xente moza. "Sempre se dixo que a chave era unha práctica de vellos mais a realidade é que agora mesmo a media de idade é de 57 anos, con algún participante de 70 mais algúns máis de 20", indica o responsábel federativo.

A segunda meta aínda ten que chegar. "Creo que a dificultade vén da propia orixe da súa práctica, moi vencellada aos bares e tabernas, e tamén á modalidade federada na que hai que lanzar desde os 14 metros", achega. Con todo, neste caso, o organismo deportivo está a aproveitar as exhibicións e visitas de promoción cando son convidados para tentar rachar con esta  situación. 

Para Castelo, unha das probas máis evidentes da evolución positiva da chave está nas contas da propia federación. "Se ao principio tiñamos un orzamento de 7.000 euros, este mesmo ano xa andamos perto dos 30.000 euros", confirma. Entre as novidades que se introducirán en 2026, a federación pensa realizar un campionato no sur, achegándose a comarcas como O Morrazo para realizar competicións con equipos que representen aos municipios.

"Sabemos da dificultade de aproximarnos mais hai que tentar sumar", afirma Castelo. Polo de agora, a chave federada é a modalidade que se xoga na zona da Coruña e Bergantiños e ten algunhas diferenzas, por exemplo, coa que se xoga no Grove (O Salnés). Con todo, para Castelo, a maior dificultade "é convencer á xente que a practica para que compita e deixe de ser só un xogo que se fai o día da festa".

Unha liga disputada

Emoción, como atractivo para que máis xente se aproxime á chave, non lle falta. Esta tempada, unha vez máis, a liga deste deporte estivo moi disputada. En Primeira División a loita polo título foi cousa de dous equipos, o Ans e o San Cristobal, gañando o primeiro. "Desde que entrou na federación hai tres anos xa estivo na elite grazas aos grandes xogadores que ten", apunta o propio David Castelo que, ademais, foi o xogador desta categoría que quedou como máximo chaveiro. Os equipos que descenderon foron O Peñasco e Amigos A Barcala.

En Segunda División o gañador foi o Nostián que non perdeu ningún partido, un equipo "mozo con moitos rapaces que non chegan aos 30 anos e con moito futuro", segundo o responsábel federativo. Xunto a el ascenderá o Galán Riverfran e descenderán o Chave Arteixo e o Avenida. O máximo chaveiro, neste caso, foi César Arcay. E por último, na Terceira División gañou o ascenso o Fergo. 

Sen chave na TVG 

Este ano foi o último para a chave e a billarda na TVG. Hai catro tempadas a FGDA asinaba un convenio para que se retransmitisen as competicións máis importantes de ambos os dous deportes cada campaña e o ente público decidiu non renovar o acordo. "Tiñamos que pagar uns 6.000 euros por 3 eventos cada ano e buscamos patrocinadores para podelos pagar. Propuxemos reducir o número de transmisións mantendo o importe mais a resposta foi negativa", critica Castelo.

Para o responsábel federativo esta decisión foi un duro golpe e non entende que a televisión pública tomase esa decisión. "A nova dirección mudou de liña, tamén lle pasou a outros deportes", asume.