O líder da Segunda pon a proba o Lugo e o Osasuna fai o propio co Celta

Pineda, única fichaxe celeste no mercado de inverno, depende de que Galhardo consiga o pasaporte italiano para debutar. (Foto: RC Celta).

Concluída a excursión de Real Madrid, Fútbol Club Barcelona, Athletic de Bilbao e Atlético de Madrid organizada pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) por terras sauditas co gallo da Supercopa, volven os campionatos ligueiros e -polo de agora- aínda en territorio nacional con senllos compromisos no día de hoxe para Club Deportivo Lugo e Real Club Celta de Vigo.

Os primeiros en saltar ao terreo de xogo serán os futbolistas celestes (19 horas), que reciben en Balaídos o Club Atlético Osasuna, equipo que os precede por tan só dous puntos nunha clasificación na que ocupan a décimo segunda posición.

Para o compromiso ante os rojillos o técnico olívico, Eduardo Chacho Coudet, recupera un Augusto Solari que xa conta coa alta médica logo de deixar atrás unha lesión no pé dereito que o deixou fóra de acción durante mes e medio. 

Peor sorte ten o seu homólogo navarro, Jagoba Arrasate, que perdeu os seus dous centrais titulares a causa da Covid-19. Xa que logo, e sen Unai García e David García, deberá optar por xogadores con menos minutos e ritmo de competición como son Juan Cruz e Lucas Torró, unha oportunidade de ouro para que dianteiros do nivel de Santi Mina e Iago Aspas saquen petróleo e reconduzan o Celta á senda da vitoria. 

A historia, a favor dos celestes

O Celta-Osasuna de hoxe é un deses duelos clásicos da Primeira División, até o punto de disputarse en 34 ocasións cos vigueses como locais, unha longa serie de enfrontamentos que reflicte unha enorme superioridade celeste.

Porque Osasuna só foi quen de se impor en dous deses choques. A primeira vez no afastado ano de 1964 -con ambos os equipos militando na categoría de prata-, na que o combinado dirixido polo lendario Joseíto -campión de catro copas de Europa e adestrador do Dépor tres lustros máis tarde, con quen descendeu a Segunda B- perdeu por 1-2, logo de que Silvestre e Amantegui fixesen inútil o tanto de José María Costoya.

Para a seguinte derrota habería que esperar máis de 40 anos, concretamente até o 29 de setembro de 2006, nos comezos dunha tempada de infausto recordo para a parroquia viguesa, pois o club acabaría baixando á Segunda División. Nese partido, que rematou 0-2, os Pinto, Placente, Gustavo López e compañía non tiveron opción ante un Osasuna que se impuxo por cero a dous.

"Non miramos o rival"

Dúas horas máis tarde (21), no Ángel Carro de Lugo, os albivermellos recuperan un partido adiado o pasado ano 2021 a causa da Covid-19 ante o intratábel líder da competición, a Unión Deportiva Almería. Non obstante, esa circunstancia non intimida Rubén Albés, adestrador lucense, que aínda sendo consciente de que "é un partido importante" afirma que "non" mira o rival, xa que o fundamental é "que estea ben o equipo".

Discurso ben diferente sostén Rubí, preparador dos andaluces, que se laia de ter que disputar o partido en "peores condicións" que o seu rival polo feito de ter que viaxar a Lugo "con oito ou nove baixas". Ademais, a pesar da gran diferenza na clasificación, móstrase preocupado polos "homes de banda" e os "rematadores" galegos.