Lendoiro renuncia á súa candidatura como presidente do Dépor

Ficará liderando o clube até as eleccións. "Semella que se quer un cambio", sinalou en comparecencia de imprensa, "e non imos pór paus no camiño". Coa decisión de Lendoiro fican catro posíbeis candidatos. 

Augusto César Lendoiro [Imaxe: Galifutbol]
photo_camera Augusto César Lendoiro [Imaxe: Galifutbol]

"Renunciamos a presentarnos ás eleccións". Así de taxativo foi Augusto César Lendoiro en comparecencia de imprensa esta terza feira. O que foi presidente do clube durante os últimos 25 anos anunciou este mediodía que retira a súa candidatura ás eleccións e que abandonará o Dépor após estas se celebrar. 

Segundo Lendoiro, o proceso electoral "está fracturando o deportivismo" e "non queremos producir máis división da existente". Neste senso e acompañado dalgúns dos seus conselleiros o de Corcubión retirouse da contenda electoral. 

Após a retirada de Lendoiro, fican catro candidaturas á presidencia do Dépor, Paco Zas, Conchado, Manuel Cascallar e Tino Fernández. Embora o até o momento presidente asegurou que permanecerá no seu cargo até se desenvolveren as eleccións pois "hai que asinar o convenio" que determinará como afrontará o clube o pagamento dos 160 millóns de débeda que carrexa.

Nunha breve comparecencia de imprensa, convocada con poucas horas de adianto, Augusto César Lendoiro agradeceu "aos accionistas" o seu apoio e dixo ter contribuído, neste tempo, "a devolver o clube aos socios". 

Comentarios