Lendoiro quere seguir cobrando do Depor

O Xulgado Mercantil nº 2 da Coruña recibe un escrito con alegacións do clube e deberá decidir se retira ou non o soldo ao presidente da entidade.
Lendoiro

Augusto César Lendoiro quere seguir no seu posto e cobrando 400 mil euros ao ano (o 1 por cento do orzamento). O clube presentou un escrito ao Xulgado Mercantil nº 2 da Coruña en resposta á petición dos administradores concursais de quitarlle poder ao actual presidente do Depor e ao seu consello de administración. Nese escrito, o clube xustifica a retribución de Lendoiro polo "económico" que é en comparación ao que cobraría un xerente. Tamén rexeita mudar de auditora, agora mesmo Olszewski, por "aforrar" e lembra que a actual escolleuna "por unanimidade" unha xunta de accionistas.

O traballo dos administradores concursais é, para Lendoiro, "en excesivo riguroso" como cando afirman que o clube está desde hai uns anos en causa de disolución. Tampouco anda moi contento con Facenda. A presentación no xulgado por parte da administración dúnha débeda do Depor de 93 millóns euros dista moito dos 40 millóns de euros que recoñecía Lendoiro. Agora o clube, neste mesmo escrito, recoñece 67 millóns de euros unha vez descontados os embargos.

Segundo o escrito do clube, a retirada de Lendoiro e o consello de administración actual sería prexudicial para o Depor. Algunhas das razóns que argumentan os administradores concursais non se cumpren para retirar a Lendoiro, como a falta de colaboración e uns gastos por riba da masa concursal, polo que o clube defende a continuidade do actual presidente.

Comentarios