Lendoiro pide un adianto eleitoral no Deportivo

O mandato de Tino Fernández concluiría en teoría en xaneiro. Lendoiro pide que se convoque o proceso en xuño, "prazo mínimo necesario para tomar decisións importantes para a próxima temporada".

Augusto César Lendoiro [Imaxe: Galifutbol]
photo_camera Augusto César Lendoiro [Imaxe: Galifutbol]

Tino Fernández é presidente desde xaneiro de 2014 e o seu mandato concluiría en xaneiro de 2019, mais Lendoiro pensa que a situación actual -a equipa está a tres pontos da salvación- aconsella adiantar a xuño o proceso eleitoral para unha nova equipa executiva ter tempo para planificar a próxima campaña.

Lendoiro non esclarece, no comunicado de imprensa en que pide o adianto eleitoral, se se vai candidatar ou non a ocupar unha presidencia que desempeñou ao longo de 26 anos (1988-2014). Si di que "oferezo máis unha vz a miña experiencia ao servizo do clube e desta directiva", ao tempo que fai un cántico á unidade -"debemos aparcar uns meses todos aqueles temas que nos separan". Argumenta o ex presidente que o Deportivo non se pode permitir "o luxo dunha división" que levaría o clube ao "descenso de categoría e a conseguinte perda do 75 por cento do orzamento polos direitos de televisión".

O Deportivo é unha S.A. Por tanto, a decisión sobre o futuro da entidade recaerá na xunta xeral de accionistas. O accionariado do clube está moi atomizado: máis de 25 mil persoas teñen participacións do clube.

No comunicado, Lendoiro cualifica as "eleccións" que en 2014 o desprazaron da presidencia de "loucura" por se realizar en "plena temporada", no mes de xaneiro, un erro que non se debería voltar a cometer. "Non nos esquezamos de que aquilo puxo en serio perigo o ascenso [finalmente o Deportivo dirixido por Fernando Vázquez logrou o obxectivo] e xerou unha división do deportivismo que, unido á actuación institucional no asasinato de Jimmy, levou á ruptura social da actualidade".

Pide o ex presidente que a "a unión e a sensatez imperen", o que permitiría manter o Deportivo "no lugar que lle corresponde quer na esfera deportiva quer na social".

Comentarios