Lendoiro estuda demandar os meios que verteron “imputacións contra a miña persoa”

O ex presidente do Deportivo afirma nun comunicado de imprensa que asistiu ao sepelio de Jimmy para acompañar a familia nun momento de “dor e dó”.

Lendoiro

Un día após ser fulminantemente cesado por ter asistido ao sepelio de Jimmy, o blues morto o domingo pola brutalidade fascista do Frente Atlético, Augusto César Lendoiro emitiu un comunicado en que atribúe a súa presenza nas honras fúnebres á súa relación coa familia, á que coñecía persoalmente e a que quería acompañar nun momento de "dor e dó".

Explica o ex dirixente deportivista que se trataba dunha “cerimonia privada”, para a cal a familia de Jimmy pedira “o máximo respeito á súa intimidade”. Esclarece ainda Lendoiro que asistiu ao sepelio a título persoal.

No comunicado, Lendoiro precisa que condena toda mostra de violencia “dentro e fóra dos recintos deportivos” e, aliás, mostra a súa confianza en que xuíces, fiscais e policía contribúan para conseguir “o esclarecimento dos feitos” que resultaron no crime de Madrid.

O ex presidente do Deportivo agradece o interese dos meios por coñecer as súas impresións sobre “todos estes feitos lutuosos”, mas enfatiza que neste momento non cabe realizar valoracións persoais mentres “a xustiza” non conclúa as súas investigacións oficiais.

Si quer Lendoiro comunicar que puxo en mans “da súa equipa xurídica” as “imputacións” guindadas sobre a súa persoas para estudar a interposición de accións xudiciais, sendo que el propio entende que poden ser constitutivas de delito.

Comentarios