Lendoiro envía mensaxes de tranquilidade, mais aínda non hai un acordo que garanta a supervivencia do Dépor

O presidente do club di que hai diñeiro e novos ingresos que avalan o futuro do Deportivo pero segue sen haber un trato cos acredores e só quedan cinco días para que a administración concursal cumpra coa ameaza de liquidación.

Kaká Depor
photo_camera Lendoiro con Kaká, nova fichaxe deportivista

O próximo día 16 remata o prazo de quince días co que ameazou a administración concursal do Deportivo para as partes chegaren a un acordo. En caso contrario, a vindeira semana podería desaparecer o club máis laureado do fútbol galego e no seu tempo un dos grandes de Europa, agora afogado polas débedas -156 millóns de euros- e en Segunda división. Neste contexto, a afección deportivista, con case 15.000 soci@s, agarda expectante e temerosa os acontecementos. A ela -e á contorna en xeral- dirixiuse o presidente do club, Augusto César Lendoiro, durante a presentación da fichaxe do central Kaká. Chamando a tranquilidade, dun xeito tan rotundo que resultou sorprendente.

“Temos máis diñeiro do que necesitamos”, chegou a afirmar o discutido dirixente da entidade coruñesa, que engadiu que “a viabilidade é total e cada vez ingresamos máis cartos e estamos máis perto de resolver os problemas”. Lendoiro restoulle importancia ao ultimato dado polos xestores concursais ao declarar que “o importante é o como, non o cando” a respecto do acordo que ten que alcanzar cos acredores, principalmente Facenda, bancos e futbolistas.

“Fixemos unha oferta cun plan de viabilidade e estamos a esperar resposta, malia que sabemos que hai algunhas negociacións. Eu pido que se pense no ben do Deportivo”, concluíu o máximo responsábel do club, que volveu insistir en que se volvería presentar a unhas posíbeis eleccións se teñen que celebrarse por decisión d@s accionistas.

Comentarios