O lateral Javi Rueda seguirá defendendo as cores do Celta outras catro tempadas máis
Javi Rueda amplía a súa vinculación co Celta até 2029. A noticia da continuidade do lateral celeste por catro tempadas máis deuna o club esta segunda feira a través dun comunicado no que sinalaba que a decisión chegaba "polo seu despregue físico, a súa velocidade e a súa capacidade para chegar á liña de fondo convérteno nun lateral plenamente adaptado ao fútbol moderno". Con esta decisión, a entidade que preside Marián Mouriño, entende que a renovación "reforza a aposta do Celta nun xogador cunha gran proxección".
Co novo contrato asinado aumenta o seu salario e tamén a súa blindaxe ante o interese doutros clubs. Polo de agora o Celta non a desvelou a súa cláusula mais en casos semellantes chegou a cifras próximas aos 40 millóns de euros.
Percorrido co Celta
O lateral, que chegou á cidade olívica en xullo do 2023, formouse nas canteiras do Málaga e do Real Madrid. Rueda debutou na máxima categoría do fútbol estatal como celeste, na última xornada da tempada 2023/2024 ante o Valencia CF en Balaídos, despois de asinar unha tempada que o club sinala como "espectacular" xogando co Celta Fortuna.
O curso pasado, o defensa xogou cedido no Albacete Balompé, unha etapa que a entidade celeste apunta como unha época que lle permitiu seguir crecendo antes de regresar para quedar no primeiro equipo.
Esta campaña, no seu primeiro partido como titular, Javi estreouse como goleador na elite marcando ante o RCD Mallorca como visitante no estadio de Son Moix. No que vai de tempada, o lateral participou en 8 partidos, 5 de LaLiga (442 minutos) e 3 da liga Europa (135 minutos). A pasada fin de semana reapareceu ante o Deportivo Alavés tras superar a lesión muscular que sufriu no partido europeo ante o Niza.
