A skater Julia Benedetti fai historia cun meritorio sexto posto no Mundial
Julia Benedetti segue a facer historia. Aos seus 21 anos, e logo de debutar nuns Xogos Olímpicos, os de Toquio, con apenas 16 e de repetir con 19 en París, a skater coruñesa logrou este domingo —noticia que coñecemos esta segunda feira de madrugada na Galiza— un máis que meritorio sexto posto na modalidade de park do Mundial de São Paulo (Brasil) decorrido esta pasada fin de semana.
Esta foi, ademais, a primeira final á que accedeu Benedetti nunha competición deste nivel. Fixo unha marca de 73,86 puntos no seu mellor intento. A gañadora foi a británica Sky Brown (88,16), seguida no podio da xaponesa Mizuho Hasegawa (84,36) e da estadounidense Minna Stess (83,90). A choiva impediu que a coruñesa tivese unha terceira quenda para mostrar a súa valía no skatepark brasileiro, pois a competición rematou de forma precipitada tras a segunda. Na primeira rolda non tivera tanta fortuna e caeu ao pouco de montar no skate.
Na súa primeira cita olímpica, e tamén a deste deporte urbano, en Toquio 2020 —uns Xogos decorridos no ano seguinte por mor da Covid—, Julia Benedetti foi décimo sexta. En París, onde chegou no verán de 2024 con 19 anos, rematou na décimo sétima posición.