Rematou a segunda aventura olímpica da skater coruñesa Julia Benedetti. Esta terza feira non conseguiu superar a fase clasificatoria para meterse entre as oito que loitarán pola tarde por unha medalla na gran final da modalidade park de skateboarding e rematou décimo sétima -hai tres anos, en Toquio, foi décimo sexta-.
Benedetti caeu hoxe nos dous primeiros intentos e bordouno no terceiro, se ben os xuíces apenas lle deron unha puntuación de 70,27, doce puntos menos que os necesarios para meterse na final. Con todo, a coruñesa de 19 anos, que xa admitía vir con baixas expectativas, quedou satisfeita coa súa actuación na terceira quenda.