José Canosa: "Quero seguir aprendendo e riscando soños da miña lista de desexos"
—Como transcorreu a competición no Campionato estatal?
A competición foi perfecta, a praza encheuse duns 7.000 espectadores. Na competición partía cinco puntos por debaixo de Maikel Melero, cinco veces campión do mundo, era a última proba para vencelo e nela fixen o que tiña que facer, sen fallar na miña rolda, polo que puiden levar a vitoria. O campionato era de cinco probas, mais a última foi a decisiva.
—A pesar de chegar a esta última proba con cinco puntos de desvantaxe con respecto a Melero, como a afrontou?
Con moita gana, porque sabía que se o facía todo perfecto podía gañar o campionato. Mais leveino sen presión e desfrutando que é, algo que na anterior proba non fixera e iso levarame a cometer un erro, que fixo que quedara na segunda posición. Desfrutando saíu todo perfecto.
—Cando comezou o campionato pasaba pola súa cabeza a posibilidade de facerse finalmente con este primeiro posto?
Nunca penso nun futuro, si que me poño metas, pero non pensaba en gañar este campionato. O único que agardaba era ilo facendo ben en cada proba e non fallar. Porén, aínda así, nalgunhas probas cometín erros por pórme máis nervioso do que debería. Nese momento foi cando cheguei á conclusión que non me podía pór así, senón que tiña que desfrutar para ter a miña mellor pilotaxe.
—Como foron os seus inicios no mundo do motocrós?
Eu comecei no motocrós con 4 anos. O meu pai e o meu padriño foron os que con esa idade dixeron que había que pórme unha moto diante para que comezase nisto. Con seis anos xa principiei a competir neste deporte, mais non foi até os 12 cando me introducín en competicións que teñen un nivel maior. Mudei cara á modalidade de freestyle recentemente, hai uns dous anos, cando varias persoas deste mundo empezaron a insistir en que debía probar. Comecei a adestrar na Galiza, até que hai un tempo Maikel Melero me propuxo mudarme e ir vivir á súa casa, para así comezar a adestrar con el na moto.
O freestyle é unha disciplina un pouco diferente do motocrós, posto que non é tan exixente a nivel físico, mais si a nivel mental, así que me está ensinado moitas cousas. Tamén fai que teña moitísima gana de seguir aprendendo e de continuar riscando soños da miña lista de desexos.
—Que retos de futuro ten pendentes de alcanzar despois de conseguir un gran logro como é proclamarse campión estatal?
Pois a seguinte proba importante que temos será o 15 de novembro na Galiza e faime moitísima ilusión: o Soloflow Freestyle, un espectáculo desta disciplina organizado pola lenda Edgar Torronteras, que é un dos pioneiros no freestyle. Non é unha competición ao uso, senón un dos espectáculos de freestyle máis impresionantes tanto a nivel estatal como a nivel europeo. Organiza dúas ou tres cada ano e este teremos o pracer de que sexa por segundo ano consecutivo no Mutiusos Fontes do Sar, en Compostela. E despois, o 20 de decembro, iremos cara a Pamplona para a primeira cita do Campionato do Mundo.