Jessica Bouzas cae eliminada de Roland Garros na terceira rolda

A tenista de Vilagarcía de Arousa non conseguiu derrotar a estadounidense Hailey Baptiste, número 70 do mundo, e perdeu en dous sets (7-6 e 6-1).
Jessica Bouzas  nun dos seus partidos en Marrocos. (Foto: JB)
Jessica Bouzas nun dos seus partidos en Marrocos. (Foto: JB)

Non foi posíbel. Jessica Bouzas despediuse este sábado de Roland Garros pelexando, como acostuma a facer a tenista galega. Desta vez a rival, Hailey Baptiste, foi superior. 

A pesar de empezar o seu encontro ante Baptiste con 'break' a favor e rápida consolidación, Jessica Bouzas cedeu o seu servizo no cuarto xogo (2-2) e logo salvou dous puntos para rachar no oitavo (4-4). O choque seguiu rifado e encamiñouse entón cara á morte súbita, que tivo varias alternancias.

Bouzas situouse pronto 0-2 e máis adiante igualou unha desvantaxe (de 4-3 a 4-4) cun resto profundo, pois a estadounidense estrelou na rede o seu revés cortado de contrarresto. Mais a do Salnés realizou unha mala subida á rede no seguinte peloteo, perdeu o punto (5-4) e xa ese marcador foi unha laxe demasiado pesada como para remontar de novo.

Aínda que a súa adversaria solicitou un tempo para atención médica antes de comezar o segundo set, mesmo afrontou cunha vendaxe na coxa da súa perna esquerda, Bouzas non conseguiu o ritmo necesario para contestar os golpes dunha Baptiste que en pouco tempo encamiñou a súa vitoria (4-0).

Comentarios